2 de xul. de 2019

CULTURA

Unha delegación galega de 300 artistas viaxa ao Festival Intercéltico de Lorient para celebrar o seu 'Année de la Galice'  

Forman parte da vintena de formacións que actuarán neste histórico encontro bretón co apoio da Xunta, tanto no programa oficial como na carpa de Galicia, que ademais de música, acollerá obradoiros, unha exposición e accións de promoción turística  

Milladoiro, Carlos Núñez, Davide Salvado, Tiruleque ou Xacarandaina figuran no cartel deste ‘Ano de Galicia’, que arrancará co espectáculo sinfónico de música e danza tradicional ‘Os camiños de Breogán’ 


O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe en Santiago a programación galega que acollerá do 2 ao 11 de agosto a 49ª edición do Festival Intercético de Lorient
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe en Santiago a programación galega que acollerá do 2 ao 11 de agosto a 49ª edición do Festival Intercético de Lorient, na que este histórico encontro da cultura celta celebra o Année de la Galice (Ano de Galicia). Con tal motivo, a Xunta aceptou o convite da organización para apoiar e reforzar o desembarco galego na localidade bretoa, ata onde viaxarán arredor de 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións, na que é unha das nosas delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos.  

 Forman parte dela algúns dos nomes máis internacionais da música galega, como Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, e agrupacións que, como Xacarandaina, traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.  

 Así o detallou Román Rodríguez no acto que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, e contou tamén coas intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 21; Lisardo Lombardía, director xeral do Festival Intercéltico; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, e o gaiteiro Pablo Seoane, en representación da delegación artística que viaxará en agosto a Lorient. A presentación, que contou coa achega musical de A Banda das Crechas, congregou así mesmo os integrantes doutros dos grupos que actuarán no encontro bretón, tanto dentro da programación oficial como da elaborada pola Xunta para a carpa coa que Galicia recibirá os numerosos asistentes ao festival. 

Nexos históricos e culturais  

 Tras lembrar os vestixios históricos da presenza dos bretóns en Galicia nos séculos V e VI, coa fundación da diocese de Bretoña como un dos seus fitos, e mais a vinculación de ambos os territorios a través da Vía Turonensis que entroncaba co Camiño de Santiago en España, o conselleiro fixo fincapé na música como un dos máis frutíferos nexos de unión que na actualidade manteñen Galicia e Bretaña, co festival como epicentro deste intercambio. 

 Incidindo nesta idea, o Théâtre de Lorient acollerá o 3 de agosto a estrea de Os camiños de Breogán, un espectáculo sinfónico de música e danza tradicional no que participarán 130 artistas, encabezados pola Banda de Música de Silleda xunto a Davide Salvado, Abraham Cupeiro, Begoña Lorenzo, José Manuel López, Bouba, Pablo Seoane, Suso Vaamonde, Xirandela e a Banda de Gaitas de Forcarei. 

Exposición sobre o Camiño de Santiago  

 Ademais dos concertos e espectáculos incluído no programa oficial, Galicia contará cunha carpa desde a que reforzará a promoción tanto da nosa música como do seu potencial como destino cultural, gastronómico e turístico, coa ollada posta na celebración do Xacobeo 21. Así, o conselleiro adiantou que a grandiosidade da Ruta Xacobea se amosará desde este espazo a través da exposición O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, na que o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel ofrece un percorrido polo patrimonio natural e cultural, os pobos, as cidades e as paisaxes coas que se atopa o camiñante rumbo a Compostela.  

 Esta mesma carpa acollerá outros 55 concertos nos que participarán 15 intérpretes e agrupacións con máis de 200 artistas en escena. O obxectivo é compartir co público o amplo abano de formatos, estilos e tendencias que, a partir da música tradicional, percorren sonoridades diversas, ademais de ofrecerlle tamén unha serie de actividades complementarias como obradoiros sobre instrumentos da man do músico Suso Baamonde, cantos de taberna coas voces de Do Fondo da Barra e as charangas de Xacarandaina e Os Sen Son.  

 A actividade de tarde xirará arredor dos concertos, como os de Davide Salvado ou Talabarte, e mais dos seráns, nos que Os da Porfía, Bouba e Habelas Hailas lles ofrecerán aos asistentes a parte máis lúdica da nosa tradición. Xa chegada a noite, será a quenda da Banda das Crechas e as súas míticas foliadas.  

 Como complemento ao programa artístico, Galicia fará gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico, en colaboración co clúster galego do sector.  

 Neste sentido, como subliñou Román Rodríguez, Lorient bríndanos unha gran oportunidade de amosar o estupendo momento cultural e a potencialidade turística da nosa Comunidade diante da Europa atlántica, tendo en conta que o Festival Intercéltico reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario