2 de xul. de 2019

TOMIÑO

XEIRAS IEM 19 - TOMIÑO 

As pegadas na paisaxe. Ouro, toponimia, mámoas e garranos 

Xoves 4 de xullo ás 18:30h.,  na Casa de Cultura de Pinzás


IEM / Tomiño


 O vindeiro xoves 4 de xullo ás 18:30h terá lugar a primeira xeira de verán polo concello de Tomiño, As pegadas na paisaxe. Ouro, toponimia, mámoas e garranos, dentro do programa das xeiras de verán 2019 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Xosé Lois Vilar Pedreira e Xilberte Manso de la Torre.  O punto de encontro será na Casa de Cultura de Pinzás.

https://www.google.com/maps/d/edit?mid=1H3K7vNt-_xh2yvQzNZ26L0FWY2I-7lBf&ll=42.054858675272%2C-8.794142449999981&z=15  

 Xoves, 4 de xullo é a primeira das máis de 12 xeiras que o IEM organiza este verán no Val de Miñor, Tomiño e Gargamala (Mondariz). Serán pola beira do mar e pola “alta montaña” da Serra da Groba, de día e de noite, a pé, por terra e a bordo dun barco polo mar de Baiona e Panxón. É unha xeira extra na freguesía de Gargamala onde o IEM desenvolveu os traballos de prospección, limpeza, xeolocalización e rexistro fotogramétrico 3D da arte rupestre afectada polo lume do 4 e 5 de outubro de 2018. Comezamos os traballos en novembro de 2018 con medio cento de superficies catalogadas e hoxe achegámonos a 180 petróglifos logo dunha prospección intensiva e a restauración de superficies en Campo Redondo e na Ladeira de Escornabois.              

 Esta primeira xeira de Pinzás en colaboración con concello de Tomiño xira ó redor do patrimonio natural e cultural desta parroquia coa que o IEM vai rematar neste 2019 a recollida da toponimia e a prospección arqueolóxica e etnográfica do territorio. Unha parte deste traballo conxunto coa Comunidade de Montes de Pinzás amosarémolo ó longo da visita que sairá da Casa de Montes cara As Presas de Cuveliñas, pararemos no lugar mortuorio da Casiña do Ouro, lembraremos os topónimos da terra nomeada, ollaremos os marcos do concello e freguesía, as minas auríferas romanas e quizais a grea de garranos da Chan da Poza.              

 Como o ano pasado todas as visitas serán tamén interpretadas en lingua de signos.                         

Ningún comentario:

Publicar un comentario