2 de xul. de 2019

BAIONA

O secretario xeral para o Deporte asina o convenio para a instalación da megafonía no pavillón municipal de Baiona polo que a Xunta de Galicia achegará 16.000 euros  

En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa no concello de Baiona onde asinou co seu alcalde, Carlos Gómez, o convenio para acometer a instalación dun equipo de megafonía no pavillón deportivo municipal
Foto: X.G.

Infogauda / Baiona

 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello pontevedrés de Baiona onde asinou co seu alcalde, Carlos Gómez, o convenio para acometer a instalación dun equipo de megafonía no pavillón deportivo municipal.  

 Segundo o texto do convenio, o Concello de Baiona dispón dunha zona deportiva na que se atopa o pavillón municipal onde se instalará un equipo de megafonía. O pavillón amosa un aspecto renovado tras a reforma integral levada a cabo en 2013. O seu ximnasio conta cunha gran oferta con preto de 1.000 socios. Esta é unha zona referente en canto a volume de utilización por parte dos veciños para a actividade deportiva polo que a obra de mellora da instalación atraerá a un maior número de cidadáns. O importe total das actuacións ascende á case 16.000 euros (15.941,38 euros) que serán achegados integramente pola Xunta de Galicia.  

 A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario