O Camiño Portugués da Costa gaña adeptos na Alemaña
Unha peregrina alemá visitou A Guarda para contar a súa experiencia no Camiño de Santiago a través dun blog
A blogueira e peregrina alemá Nicole Biarnes xunto a Manuel Álvarez, técnico da Oficina Municipal de Turismo do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
No día de onte, xoves 4 de xullo a blogueira e peregrina alemá Nicole Biarnes, fixo escala na Guarda no seu traxecto polo Camiño Portugués da Costa. Esta peregrina participa da man de Correos para a promoción do Camiño de Santiago entre os peregrinos alemáns. A empresa postal acompaña a esta blogueira alemá especializada en viaxes ao longo de toda a semana.
Na súa estadía na Guarda Nicole Biarnes foi recibida no Concello, visitando ademais lugares singulares e de atracción turística do municipio como o Monte Santa Trega, o casco histórico e o porto da localidade, apreciando os monumentos, a paisaxe e a gastronomía desta ruta xacobea.
Nicole Biarnes contará no seu blog especializado a súa experiencia, de xeito que os seus compañeiros alemáns descubran de primeira man o Camiño Portugués da Costa, facéndoos partícipes do mesmo e ao mesmo tempo convidándoos a vir e gozar desta experiencia. Viaxará libre de cargas grazas ao soporte do servizo Paq Mochila de Correos, que lle leva a súa equipaxe de aloxamento a aloxamento.
Alemaña é un país moi importante para o Camiño de Santiago, xunto a Italia e de onde proceden o maior número de peregrinos.
Na web www.elcaminoconcorreos.com os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago pola Costa atoparán información detallada de todas as etapas.
Blog de Nicole Biarnes: https://www.freibeuter-reisen.org/
Ningún comentario:
Publicar un comentario