5 de xul. de 2019

TURISMO

Na IX Edición dos Premios Galicia   

O Concello de A Guarda recibe o Premio ao Destino Gastronómico da revista Ejecutivos 


O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, recolleu o Premio ao Destino Gastronómico
Fotos: C.A.G.
 
 Infogauda / A Guarda

 Onte xoves día 4 de xullo o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolleu a entrega dos Premios Galicia da revista Ejecutivos, na que A Guarda e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi galardoada co Premio ao Destino Gastronómico. En representación do municipio guardés asistiron, o alcalde, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Turismo, Beatriz Lomba Rodríguez, a concelleira de Educación, Formación e Promoción do Emprego; Participación Cidadá e Voluntariado, Fátima Rodríguez Marcos  e o concelleiro de Tráfico e Emerxencias, e Medio Ambiente, Xan Lois Lomba Alonso. 


O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz - no centro da imaxe - xunto con outras persoas que tamén recolleron galardons na IX edición dos Premios Galicia

 O acto de entrega da IX edición dos Premios Galicia da revista Ejecutivos foi un escaparate idóneo para recoller este galardón para o pobo da Guarda e para a Festa da Langosta, onde tamén fíxose unha presentación turística da vila coa proxección dun vídeo, convidando aos asistentes a asistir esta fin de semana á XXIX  Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, no porto guardés.  

A FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA: PARA DISFRUTAR DOS SABORES DO NOSO MAR

 A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha das festas gastronómica de referencia, contando cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.  

 Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira contribúe a pór en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a langosta, un recurso pesqueiro que desde fai moitos anos, deu lugar a creación de cetáreas, onde logo de pasar pola lonxa, ían a maioría das capturas da frota guardesa, onde mantíñase vivo o prezado crustáceo, para posteriormente exportalo a moitas cidades de España e mesmo do extranxeiro. Toda esa actividade motivou que A Guarda fose coñecido como a «Capital da Langosta».  

 A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira xurdiu en 1991 e co paso dos anos a festa foi crecendo en días de celebración e tamén en variedade de produtos do mar e doces que permitiron aumentar a oferta gastronómica e así chegar a todos os gustos e economías. Deste xeito conseguiuse revalorizar a festa e situala no mapa das celebracións gastronómicas de Galicia. 

 Compre relembrar que na explanada do porto, coñecida como "O Portiño Novo", instálase unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan disfrutar comodamente da lagosta e demais pratos. 

 Cada ano a oferta de animación e entretemento para adultos e pequenos multiplícase cun amplo e variado programa con actuacións de música, eventos deportivos e culturais, animación infantil, etc.  

 A Guarda é unha vila mariñeira. Dende os seus comezos o mar e a pesca foi - e continúa séndoo - o seu principal motor económico, e ese aceno de identidade pódese apreciar en diferentes facetas da súa paisaxe e das súas xentes, as típicas casas mariñeiras, o seu paseo marítimo, o porto pesqueiro, a lonxa, a Praza de Abastos, entre outros.  

 A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira atrae cada ano a visitantes de toda a península ibérica, atraídos por unha oferta gastronómica, na que ademais da afamada e exquisita langosta, tamén se inclúen outros pratos da Cociña Mariñeira como os percebes, zamburiñas, mexillóns, calamares e tamén elaboracións como a paella, fideuá ou empanadas. Destaca tamén o apartado de doces, onde a Rosca de Xema da Guarda é a protagonista da sobremesa, un doce típico da vila, sempre acompañada dos bos viños da D.O. Rías Baixas, subzona do Rosal. 

 Na edición de 2018 foron preto de 20.000 persoas as que se achegaron ata a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, unha afluencia que superou todas as espectativas e que confirman e consolidan un evento no que a langosta é a raíña da mesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario