BRUNO PADÍN PORTELA: “A TRAIZÓN É UN ELEMENTO ESENCIAL DENTRO DO PROCESO DE CONSTRUCIÓN DA IDENTIDADE NACIONAL ESPAÑOLA”
Escritor e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, presentou na Casa de Galicia a súa obra “La traición en la historia de España”
O escritor Bruno Padín, coa súa obra en primeiro termo
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O escritor pontevedrés (O Grove) e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela Bruno Padín Portela presentou onte na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa obra “La traición en la historia de España”, publicada por Ediciones Akal, na que “a traizón e o traidor aparecen como unha especie de maldición na historia de España”. “A traizón é un elemento esencial dentro do proceso de construción da identidade nacional española”, afirma o autor.
O escritor Bruno Padín, o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, o director de ABC, Bieito Rubido, e o editor Tomás Rodríguez, na mesa da presentación
Acompañaron na presentación a Padín o editor, Tomás Rodríguez, o director do diario ABC, Bieito Rubido, e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.
Ónega presentou aos intervenientes e adiantou sobre a obra presentada que “se trata dun libro no que a traizón e o traidor aparecen como unha especie de maldición na historia de España, cuxa nómina de traidores desde a Antigüidade clásica ata a actualidade é extensa”. “Está o traidor individual, politicamente activo, como o conde Don Julián; e o colectivo, o movemento sedicioso ou inimigo interno oculto que todo o enturba, como se atribuía aos xudeus. Dous modelos que pasarán da historiografía española ás tres historiografías nacionalistas: a galega, a vasca e a catalá”, sinalou o delegado da Xunta, que é autor do libro “Los judíos en el Reino de Galicia”.
Tomás Rodríguez referiuse a “a necesidade de construír un discurso historiográfico fiable sobre o que debater a historia de España, partindo de publicacións de calidade”. “Neste sentido, o libro que hoxe presentamos, de Bruno Padín, pon de manifesto como a construción de inimigos internos, contrarios á razón política, nacional, identitaria ou de raza foron unha presenza constante na nosa historia. Precisamente por iso, a fascinante figura do traidor debe ser analizada con coidado, atendendo á súa cronoloxía, ao seu contexto histórico tanto no seu nacemento como no devir do seu relato”, explicou. “Ao cabo, o que queda é a certeza de que nosa sempre debatida identidade cultural e política –histórica sempre– se conforma tamén ao redor desas figuras disidentes, alienantes e conflitivas. Non podería ser doutro xeito”, precisou.
O público seguiu con atención as explicaciones dos intervinientes na presentación
Rubido cualificou de “acontecemento intelectual” “que un mozo tan novo escribise un libro desta natureza”. “A traizón é consustancial á natureza humana e no caso dos españois, desde os que mataron a Viriato ou os que deixaron pasar aos árabes, a traizón conviviu sempre connosco”, apreciou o director de ABC, para quen o libro de Padín é “dunha erudición e unha documentación admirables”. “Celebro moito que un historiador galego tan novo saque a luz un libro de tanta envergadura”, subliñou o xornalista galego.
Pola súa banda, o autor afirmou que “a traizón é un elemento esencial dentro do proceso de construción da identidade nacional española”. “Neste libro ofrécense os episodios máis destacados de traizón, tanto a nivel individual como colectivo, que balizan todo o pasado español desde a Antigüidade ata o reinado de Fernando VII. Entre eles destacan a ´perda de España´ que da lugar á invasión musulmá, a biografía do Cid, a rebelión comuneira contra Carlos I, as intrigas de Antonio Pérez na corte de Felipe II ou o caso paradigmático dos xudeus como traidores eternos a España”, expuxo.
Engadiu Padín Portela que paralelamente na obra “tamén se analizan os nacionalismos galego, vasco e catalán, en cuxos casos a traizón ten un papel moito menor ao ser o protagonista absoluto ese ´ente autoritario, chamado España, responsable de todos os males que arrasan a eses tres pobos´”, sinalando que “este esquema pódese ver, por exemplo, na guerra dos segadores do ano 1640 ou na guerra de sucesión que ten lugar a comezos do século XVIII, instalándose a dinastía dos borbóns no trono”. “Coa delicada situación territorial que vive España desde hai uns anos, este libro pode arroxar luz e incitar á reflexión sobre unha cuestión que, lonxe de pertencer ao pasado, está de total actualidade”, valorou o autor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario