XVI FESTA DO PEIXE ESPADA
Un colorido peixe espada, debuxado por unha nena de 12 anos, será a imaxe da festa deste ano 
• Sara Lomba Vicente, de sexto de Primaria do colexio A  Sangriña, foi a gañadora do concurso de carteis.
• O ex-secretario xeral de Pesca José Loira será o encargado de ler o pregón inaugural do evento que acollerá A Guarda a última fin de semana de xullo.  
  
Mar Bermúdez / A Guarda
 O concurso de carteis que cada ano convoca a Organización de Palangreiros Guardeses para ilustrar o cartel da súa Festa  do  Peixe Espada gañouno este ano Sara Lomba, unha estudante de 12 anos do Colexio A  Sangriña, que presentou ao certame un debuxo moi colorido, moi na estética pop. A súa moderna visión do peixe espada adornará desde agora o programa de actividades e todo o relacionado coa festa que terá lugar a última fin de semana de xullo. 
 Por outra banda, e seguindo coas novidades do evento, o que fose secretario xeral de Pesca entre os anos 1987 e 1996, José Loira Rúa, será o encargado de ler o pregón inaugural do evento gastronómico e cultural, no que se espera a participación de centos de persoas. 
 A festa deste ano dará comezo o sábado, día 27 de xullo, ás 11 da mañá coa actuación de Trebón dos  Xidos, unha hora despois celebrarase o pregón e acto seguido terá lugar a entrega do premio á gañadora do concurso de carteis, Sara Lomba. A presentación do IV Campionato Galego Inclusivo de Náutico Adaptado e a reprodución do vídeo "Historia Mariñeira da Guarda" conformarán o programa matinal.     
 Xa pola tarde sucederanse diferentes actuacións para todos os públicos como a do Mago Zana, o Grupo  Boalleira ou o Grupo de  Acordóns  Mascarenhas, e pola noite celebrarase o  Encontro dous  Pobos.  
 O domingo terá lugar a presentación do evento internacional  Ecodestin- Sensea, a cargo da Consellería  do Mar, e tamén haberá actuacións musicais e de baile, e unha regata.  
 Ao longo dos dous días poderase visitar o mercado artesanal, os diferentes postos de comida e gozar de diferentes actividades inclusivas.

 
.jpg) 
 
 
 
 
 
 
 
.jpeg) 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario