Cayetano Lledó presenta o seu espectáculo de maxia
· O vindeiro xoves día 25 de xullo, ás 20:30h, no Auditorio de San Bieito
Infogauda / A Guarda
O vindeiro xoves día 25 de xullo ás 20:30 horas, o Auditorio de San Bieito acollerá o espectáculo de maxia «Lafayette Show» a cargo de Cayetano Lledó, un produtor e distribuidor de teatro, ilusionista e actor de improvisación galego.
O evento arrancará cun espectáculo de maxia teatralizada, con comedia e humor, apto para todos os públicos. Teatro e ilusionismo con maxia musical, manipulación de cartas e obxectos, clown, cambios de vestuario, números de mentalismo, hipnosis, pantomima, danza...
As obras de Cayetano Lledó están baseadas na comedia e na maxia cómica. Ten participado en moitos festivais internacionais de ilusionismo, e ten desenvolvido a súa maxia en diversos países europeos.
Hoxe en día, a súa actividade profesional versa ao longo de dúas liñas de traballo: por unha banda, a investigación e desenvolvemento de efectos máxicos aplicados á escena, e pola outra, a interpretación, produción e distribución de espectáculos de maxia teatralizada.
Chegará á vila guardesa con gañas de dar a coñecer aos veciños e visitantes da Guarda o seu traballo e facelos partícipes do mesmo, cun show que gustará a pequenos e maiores.

Ningún comentario:
Publicar un comentario