As praias guardesas de “O Muíño” (Camposancos) e “Area Grande”, tamén contarán este verán co distintivo de Bandeira Azul
Asemade, a senda litoral que comunica ambas as dúas praias voltou acadar o distintivo de Sendeiro Azul
O tenente-alcalde, Anxo Lois Baz Vicente e a concelleira de Turismo, Beatriz Lomba Rodríguez acudiron ao acto de entrega dos distintivos
Foto:C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Un ano máis as praias de “O Muíño” (Camposancos) e “Area Grande”, do Concello de A Guarda, lucirán o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.
Nesta
edición tamén foille adxudicado o distintivo de “Sendeiro Azul” a senda
litoral que une ambas praias. Esta senda ten o recoñecemento dende o
ano 2013.
A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán e o pasado luns - como xa informamos neste xornal dixital transfronteirizo - foron entregadas as mesmas nun acto no que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao que asistiron, en representación da Guarda, o tenente-alcalde, Anxo Lois Baz Vicente e a concelleira de Turismo, Beatriz Lomba Rodríguez.
Estas praias contan cos servizos esixidos pola ADEAC e a FEE, como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.
O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.
Compre sinalar que a finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro voltasen a optar a consecución deses distintivos. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario