O Concello de A Guarda asinou os convenios de aforro e eficiencia enerxética
Será beneficiario, dunha axuda para a eficiencia
enerxética a través do IDAE, que permitirá a renovación dun total de 251
puntos de luz do municipio
A presidenta da Deputación de Pontevedra, cos representantes dos concellos beneficiarios
Foto: D. PO.
Infogauda / A Guarda
O Salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu o pasado luns día 24, o acto de sinatura do proxecto de aforro e eficiencia enerxética do cal o Concello da Guarda será beneficiario, cunha axuda para a eficiencia enerxética a través do IDAE, que permitirá a renovación dun total de 251 puntos de luz do municipio, adaptando os mesmos á nova tecnoloxía led, mellorando a eficiencia e acadando un aforro enerxético dun 74% e cun importe de 78.938,30€.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, acudiu en representación do municipio, xunto cos 43 representantes dos concellos beneficiarios.
Esta axuda, para concellos que teñen menos de 20.000 habitantes e que conta cun orzamento de 4 millóns de euros, dos que 3 millóns achégaos a Unión Europea, contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia e a cumprir o Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios (Ministerio de Facenda e Función Pública), ademais de buscar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.
Estas novas luminarias instalaranse en diferentes rúas e espazos do municipio, destacando tamén a instalación en BIC´s coma a Fortaleza de Santa Cruz (24 puntos de luz) ou o Monte Santa Trega (14 puntos de luz), cunha inversión total de 13.908,34€.
Nesta subvención do IDAE contémplase tamén a instalación dunha caldeira de biomasa para o Centro Cultural da vila, o que permitirá un aforro nos gastos de combustible da actual caldeira de diésel, así coma unha eficiencia no mantemento do equipo. O importe total para a devandita caldeira de biomasa é de 58.016,45€.
Para estas actuacións A Guarda contará cunha inversión da cal un 80% corre a cargo do IDAE, un 15% a cargo da Deputación de Pontevedra e un 5% a cargo do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario