26 de xuño de 2019

TURISMO

Este xoves no Mercado de Abastos de Allariz

A Guarda presenta a XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

· Que celebrarase no porto guardés os días 5,6 e 7 de xullo de 2019

 Infogauda / A Guarda 

 O Concello da Guarda presenta este xoves día 27 de xuño a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.  

 Neste acto de presentación que terá lugar no Mercado de Abastos de Allariz, contarase coas intervencións do tenente-alcalde da Guarda, Anxo Lois Baz Vicente; da concelleira de Turismo da Guarda, Beatriz Lomba Rodríguez, e da alcaldesa do concello anfitrión, Mª Cristina Cid Fernández.  

 Na vila alaricana darase a coñecer a programación desta XXIX edición da festa gastronómica por excelencia da localidade mariñeira da Guarda, un evento que conta cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o porto da localidade, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.  

 Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a langosta, símbolo da Guarda dende os tempos nos que os pescadores capturaban ese crustáceo e as cetáreas da localidade comerciaban con ese prezado manxar do noso mar, que exportaban para moitas localidades do país, o que levou á Guarda a ser coñecida como a «Capital da Langosta».  

 A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira celebrarase nesta edición do 5 ao 7 de xullo no porto da Guarda onde instalaráse unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente a lagosta e demais pratos que serán servidos a prezos aptos para tódalas economías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario