O BNG critica o cambio de chaqueta de PSOE e En Marea, agora no goberno municipal
O Bloque continúa defendendo os plenos mensuais, como facían os grupos dogoberno cando estaban na oposición.
María do Carmen Núñez Méndez e Xosé Martínez Tato, concelleiros do BNG no Concello de Tui
Infogauda / Tui
“A pesar das declaracións do Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, aos medios sobre a vontade de manter os plenos con periodicidade mensual, o Goberno Municipal comeza este primeiro pleno incumplindo promesas. Por isto, o BNG atópase na obriga de denunciar a incoherencia das forzas de goberno na aprobación de plenos de carácter bimensual”, afirma André Vidal, integrante do Consello Local do BNG de Tui.
“En ningún momento - lembra André Vidal - se contou co BNG para esta decisión, aínda que sí ao parecer con outras forzas políticas da oposición, dándose como argumento a carga de traballo dos funcionarios. Esta excusa parécenos totalmente inapropiada, cando nos periodos anteriores, a carga de traballo era a mesma, non reducíndose o número de plenos. Cremos que ten máis a ver coa intención de negar o control e fiscalización aos grupos da oposición e á veciñanza na sección de rogos e preguntas. E isto é grave”.
Diante diso, André Vidal non dubida en afirmar: “Opoñémonos rotundamente tamén á duplicación dos importes económicos a percibir por pleno. Esta medida ten un claro resultado: elimínase un pleno, e cóbrase por dous; na práctica: traballase un e cóbranse 2. O mesmo sucede coas dotacións pola asistencia a comisións informativas. O Alcalde de Tui polo PSOE non foi capaz de responder ás reiteradas preguntas por parte da portavoz do BNG sobre a causa da duplicación destes importes.
Plenos cada 2 meses supoñen un recorte de dereitos á cidadanía e á oposición, non podendo exercer o seu traballo xa sexa de control ao goberno, como de formalización de propostas. Négase tamén a posibilidade de que o conxunto da veciñanza tudense participe máis activamente da vida política do seu concello.
A pesar da nosa vontade constructiva, que nos caracteriza como forza política, vémonos na obriga de comezar a nosa labor denunciando este feito intolerable. Non se poden recortar dereitos nen liberdades”.
“Non é de recibo - denuncia André Vidal - que se duplique o importe por asistencia: facendo o mesmo que se criticaba ao PP, co agravante de que agora o pleno será o dobre de costoso para os veciños.
Reiteramos que con esta medida, dificúltase gravemente o control e fiscalización do goberno que debe exercer a oposición mediante o control de xuntas de gobernos locais, de actividades dos concelleiros ou incluso rogos e preguntas por parte da veciñanza. Agora para plantexar unha pregunta ou rogo, os veciños de Tui, podemos ter que esperar ata 2 meses. En resumo: négase a manifestación da veciñanzae o coñecemento da actividade que está a ter o concello”.
“Desde o BNG defendemos os plenos mensuais. Hai 4 anos foi a primeira medida tomada polo goberno do cal formábamos parte, tendo incluso continuidade no período de retroceso despois da moción de censura. Máis curioso é o feito de que as forzas de goberno que apoian esta iniciativa (PSOE e En Marea) son as mesmas que na oposición protestaron contra ela cando era promovida por gobernos da dereita. Agora, co BNG fóra do goberno, propónse de novo a volta aos plenos bimensuais. Perde a transparencia, perde a democracia e perde a veciñanza de Tui. Mal comezamos”, conclúe André Vidal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario