29 de xuño de 2019

SALCEDA DE CASELAS

Segundo afirma o Partido Popular 

OS VECIÑOS DE SALCEDA PAGAN TRES VECES MÁIS POLO SEU “BIGOBIERNO” LOCAL QUE MUNICIPIOS CO TRIPLO DE ORZAMENTO E DE POBOACIÓN  

Cada salcedense adica 27€ a pagar o soldo das alcaldesas e os concelleiros mentres que pobos como Marín son 10 € con 25.000 habitantes ou Tui 12€ con 16.902 veciños  

Santiago Rodríguez Davila lamenta que os veciños teñan que pagar os privilexios duns gobernantes “que non elixiron” e que prefiren gastar o orzamento do Concello en soldos en lugar de investir no pobo  

Santiago Rodríguez Davila, portavoz do PP no Concello de Salceda de Caselas
Fotos: Hernández

Infogauda / Salceda de Caselas

 O PP de Salceda de Caselas asegura que os veciños deste municipio de 9.146 habitantes terán que destinar durante o próximos catro anos 27,36 € anuais a pagar os soldos dos seis concelleiros do “bigobierno” local, un 40% por cento máis do que custaría unha única Alcaldía con Santiago Rodríguez Davila á fronte do Concello. En total, 250.000 euros ao ano xa que a Alcadía supoñerá unha remuneración mensual de 3.040 € con 14 pagas, a tenencia de Alcaldía 2.200€ tamén con 12 pagas máis dúas extraordinarias e o resto de concellerías unha contía de 1.500€ mensuais con duas extras. A isto haberá que sumarlle a contía da Seguridade Social cuxo pago recaería sobre as arcas públicas.   

 Esta “hipoteca” mensual imposta a cada veciño triplica a doutros municipios como Marín (PP) que supón 10 € ou Tui (PSdeG) con 12€ por veciño nunha poboación de 25.000 e 16.902 habitantes, respectivamente. “Estes Concellos teñen un presuposto tres veces maior que o de Salceda, 4,5 millóns de euros, e con todo os seus dirixentes foron sensatos e só custan aos seus veciños unha media de 10 euros/mes a pesar de que o seu orzamento no caso de Marín supera os 13 millóns de euros e no de Tui os 8 millóns”, compara o portavoz popular, Santiago Rodríguez Davila.   


Concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Salceda de Caselas no pleno de onte

 Para os populares, as alcaldesas están a cometer un auténtico “atropelo” ás arcas públicas, algo “completamente obxectivo” porque basta con analizar os datos destes Concellos. Neste sentido, en palabras do seu portavoz, “resulta vergonzante que só polo interese persoal dunhas cantas persoas teñamos que renunciar a investimentos beneficiosos para o noso pobo, porque está claro que non hai diñeiro para todos e no pleno de onte quedou patente que a prioridade de Castiñeira e de Tourón é que elas e os seus coticen durante catro anos cun bo soldo mentres as    familias teñen que facer malabares, por exemplo, para conciliar e chegar a final de mes”. Durante o próximos catro anos o bipartito custará un millón de euros.  

O pacto oculto e “in extremis”      

 Davila cre que “aos poucos se está descubrindo o contido do pacto entre  Movemento Salceda (MS) e PSdeG” e estase demostrando que “o principal escollo estaba na repartición de dedicacións” que acordaron “in extremis”. Neste sentido solicitou na sesión plenaria de onte que faga público o pacto a través da web municipal para que todos os veciños poidan coñecer “a letra pequena” que nos “ocultan”. A xulgar pola repartición de nóminas, Rodríguez  Davila insiste en que “finalmente houbo que contentar a todos cunha nómina” aínda sendo conscientes de que “o  Concello non pode asumir seis dedicacións e un cargo de confianza”. Así, lembra que o partido máis votado en Salceda foi o PP e que o que se buscou con este acordo para un goberno “con tres alcaldes” foi “cambiar a vontade do pobo e enganar aos salcedenses”.      

 “No pleno de onte a Sra.  Tourón consumou unha vez máis a traizón aos veciños porque votou o contrario ao que defendeu n amesma sesión plenaria de 2015”, criticou o popular, quen lamenta “a dobre cara” da portavoz socialista ao preferir “obedecer” ao seu xefe provincial antes que escoitar aos seus propios votantes.  

 Numerosos veciños asistiron ao pleno celebrado onte para aprobar a repartición de áreas e os soldos e manifestaron abertamente o seu malestar polo “malgasto” que supoñerá este goberno con dúas alcaldías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario