O Concello rematou as obras no entorno do Cruceiro Pinto
Realizáronse grazas a unha axuda da Deputación de Pontevedra, por un importe total de 21.455,47€
Conxunto monumental do Cruceiro Pinto, en Salcidos (A Guarda)
Foto: C.A.G.
Infogauda / Salcidos
O Concello da Guarda ven de rematar recentemente as obras do Proxecto de Urbanización do entorno do Cruceiro Pinto de Salcidos.
Neste proxecto de renovación do pavimentado do camiño da Cruz, no entorno do Cruceiro Pinto, situado no núcleo da parroquia de San Lourenzo de Salcidos, realizouse unha obra para a acondicionar este ben patrimonial, permitindo mellorar este camiño para o servizo do común dos cidadáns.
O entorno do Cruceiro Pinto abarca un ámbito de 125 m2 aproximadamente. No mesmo entronca a rúa Aloqueiro. Presentaba un firme de aglomerado e arestora conta cun empedrado de 10 cm combinando lousa con lastros de granito aserrado, instalando tamén uns proxectores para iluminación ornamental deste conxunto.
Este conxunto monumental está composto, principalmente, por tres elementos: o cruceiro, o peto de ánimas e unha estela.
O Cruceiro Pinto foi eirixido en 1746. Sobre unha base levántase unha columna cilíndrica rematada nun capitel con follas de acanto. Sobre a cruz un Cristo, e o pé da mesma, a imaxe de San Francisco ollando a faciana do Redentor.
O peto de ánimas está datado en 1764, e a estela é de 1852.
Estas obras realizáronse grazas a unha axuda da Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2018-19 Liña 1 cun importe total de 21.455,47€.
Ningún comentario:
Publicar un comentario