Pepa Pardo e Jorge Cubela serán os voceiros do PP na Deputación
• Alfonso Rueda sinala que “traballaremos para que a Deputación se volva a centrar no que de verdade ten que facer unha Deputación, para que sexa aberta e profundamente democrática”.
• O presidente provincial reuniuse cos once novos deputados que tomarán posesión dos seus cargos o mércores.
Alfonso Rueda, presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, cos novos deputados do Grupo Provincial do PP na Deputación
Infogauda / Pontevedra
Pepa Pardo, concelleira de Pontevedra, e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, serán os voceiros do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra os próximos catro anos. Así o anunciou hoxe o presidente provincial, Alfonso Rueda Valenzuela, que se reuniu cos once deputados que o mércores van tomar posesión no Pazo Provincial, encontro ao que tamén asistiron a vicepresidenta provincial do PP, Nidia Arévalo, e a secretaria de organización, Luisa Piñeiro.
Rueda destacou a “experiencia” de Jorge Cubela, e “a traxectoria e os resultados” de Pepa Pardo neste ano como secretaria xeral do PP local de Pontevedra. “Buscamos a experiencia, e a ten a persoa que cando foi elixida era o alcalde máis novo de España e leva oito anos gobernando porque gana eleccións no seu concello con maioría absoluta, e demostrou un reto engadido que foi refrendar o seu apoio despois de facer unha fusión. E estará apoiado por Pepa Pardo, que ben é certo que é unha incorporación recente á vida política, pero que na súa traxectoria profesional vén de exercer unha carreira exitosa de avogada e que neste ano demostrou moitas cousas no partido nesta cidade. Unha magnífica campaña e, polo tanto, ela ten unha parte de responsabilidade nos bós resultados que tivo o PP nesta cidade”.
Ademais, o líder provincial destacou a “absoluta renovación” dos once deputados, que van representar “ao partido que máis maiorías absolutas obtivo nas eleccións municipais, que máis alcaldías conseguiu e que máis concelleiras e concelleiros ten na provincia”. Estas once persoas, elixidas por consenso entre todos os concelleiros e concelleiras da provincia, “son os que mellor nos poden representar a todos”, engadiu.
Do grupo, destacou a “xuventude –ten unha media de idade de 43 anos-, preparación e experiencia”, xa que está composto por tres alcaldes –os de Rodeiro, A Estrada e Cerdedo-Cotobade-, pero tamén hai ex alcaldes, como Miguel Domínguez, da Cañiza, ou Elena Estévez, de Bueu, e moita xente que ten moita experiencia de Goberno, como Javier Tourís, tenente de alcalde de Vilanova; María Carmen Amoedo, que foi ata o de agora tenente de alcalde en Redondela; ou Paz Lago, concelleira de Sanxenxo. “Os once son persoas perfectamente preparadas para o papel que teñen que desempeñar, e que representan ese conxunto de cousas necesarias para facer un bo papel na Deputación de Pontevedra”.
O obxectivo do grupo para o mandato que comeza será “traballar de xeito constructivo, para que moitas cousas que sucederon estes catro anos non se volvan repetir. Non pode ser que alcaldes e alcaldesas non fosen recibidos en catro anos, as continuas descortesías institucionais a alcaldes e voceiros populares, e que concellos gobernados polo PP quedasen marxinados dos plans de libre disposición, por moito que PSOE e BNG dixeran nestes catro anos que non había reparto arbitrario de fondos”. Polo tanto, concluíu Rueda, “traballaremos para que a Deputación se volva a centrar no que de verdade ten que facer unha Deputación, para que sexa unha Deputación aberta e profundamente democrática”.
Nesta liña tamén incidiu Jorge Cubela, que apostou por unha oposición construtiva e fiscalizadora. “Temos ganas e ilusión, queremos traballar para todos os concellos da provincia de Pontevedra, cunha única obsesión, representar aos pequenos e medianos concellos da provincia. Queremos ser a voz dos nosos alcaldes e voceiros. Sabemos ben o que precisan os nosos concellos e van atopar en nós un aliado”. Ademais, amosouse “confiado en que este mandato sexa distinto, e que estea marcado polo diálogo cos concellos e cos alcaldes. Cerdedo-Cotobade está a 10 quilómetros de Pontevedra, pero neste mandato que rematou para Carmela Silva pareceu que estaba a 10 mil quilómetros. Eu fun un dos alcaldes que nestes catro anos non foi recibido pola presidenta da Deputación. Eu agardo que esta situación mude”.
Pepa Pardo agradeceu “que os concelleiros de toda a provincia compartisen a importancia de que a cidade de Pontevedra volvese a ter representación na Deputación, e comprometeuse a traballar desde o minuto un para defender os intereses de todos os concellos da provincia. Acabo de aterrar. Hai xusto un ano non estaba metida en política, pero si queres cambiar as cousas non podes quedar sentado. Hai que dar un paso adiante. E este ano coñecín un mundo novo no que creo que é importante ter experiencia pero tamén renovación, que é o que se combina perfectamente neste grupo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario