27 de xuño de 2019

O ROSAL

RECORTE NO SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA NO CONCELLO DO ROSAL 

Ánxela Fernández (alcaldesa do Rosal): “Desde o goberno do Concello do Rosal apoiaremos e defenderemos a Sanidade Pública. Faremos todo o que estea na nosa man para conseguir que a Consellería de Sanidade e o SERGAS cumpran coa súa responsabilidade e garantan o servizo habitual de Atención Primaria do noso Concello.”


 Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, diante do Centro de Saúde
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O executivo municipal do Concello do Rosal, que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís, ven de facer público que o concello no día de onte remitu o seguinte escrito o  Xerente do SERGAS, D. Antonio Fernández-Campa e o Conselleiro de Sanidade, o señor Vazquez Almuiña, solicitando unha entrevista para acadar unha solución polo recorte no servizo de atención primaria no Concello do Rosal”

 “Esta alcaldía tivo coñecemento extraoficial por notificación oral do responsable do Centro de Saúde do Rosal, Dr. D. Antonio Tato Fontaíña de que a partir de hoxe, día 25 de xuño, o Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón deixará de contar co seu médico por un permiso concedido á titular ata finais do presente mes.  

 Por outra parte, informóusenos por parte do mesmo de que nos meses de xullo e agosto non van ser cubertas as vacacións dos dous médicos titulares do Centro de Saúde do Rosal e que o médico do Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón desprazarase para atender tanto aos seus pacientes como aos do outro médico no Centro de Saúde do Rosal, quedando así novamente sen atención médica o citado Centro de San Miguel de Tabagón. 

 As consecuencias prácticas de todos estes feitos, se se materializasen, serían que durante todo este tempo contaríamos tan só con dous profesionais médicos na Atención Primaria, cando habitualmente contamos con tres e que os pacientes do Centro de Saúde de San Miguel deixarían de ser atendidos no seu Centro de Saúde para ser atendidos no Centro de Saúde do Rosal. 

 Esta información foi confirmada nunha conversa telefónica onte con D. Félix Ruibal, xerente de estrutura organizativa de xestión integrada do SERGAS. 

 Esta situación vense repetindo sistematicamente nos últimos anos, dando como resultado un deterioro inadmisible da calidade da Atención Primaria no noso concello que, por outra parte, non conta xa habitualmente co persoal sanitario que lle correspondería. Somos o Concello da Comarca do Baixo Miño cun peor rateo de pacientes por persoal sanitario e persoal médico, superando todos os máximos recomendados polas diferentes organizacións de saúde. Este feito constatouse no acordo plenario aprobado pola unanimidade do pleno o pasado 30 de marzo de 2019 do que pasan a expoñerse a continuación algúns datos que corroboran estas afirmacións. 

 O Concello do Rosal conta, para unha poboación estimada aproximada de 6.349 habitantes, cunha dotación de persoal sanitario formada por 3 médicos de familia, 3 enfermeiras, unha pediatra que pasa consulta tres días por semana e 1 auxiliar de enfermería. O persoal médico ten un total de 4.701 Tarxetas Individuais sanitarias (TIS), repartidas por médico en 1.502, 1.643 e 1.556 respectivamente. A OMS recomenda unha rateo de pacientes por médico máximo de 1.200. Pola súa banda, a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN) recomenda unha rateo de 1.300 pacientes por médico e indica que esta non debería superar nunca os 1.500. No caso do Rosal, todo o persoal médico ten unha rateo que excede tanto as recomendacións como os máximos admisibles. Neste caso, e tendo en conta o número de habitantes, ao Rosal corresponderíalle 1 médico/a e 2 enfermeiros/as máis, ademais de 1 pediatra con dedicación total e unha matrona. 

 Dos médicos titulares, quedarían soamente dous médicos para atender a un total de 4.701 pacientes, e é por iso que desde esta alcaldía lembrámoslle que a súa obriga é a de garantir un servizo de Atención Primaria que cubra as necesidades da poboación, polo que esperamos que modifiquen a súa decisión e cubra con persoal contratado as vacacións, baixas e permisos do persoal médico dos nosos Centros de Saúde. 

 Desde o goberno do Concello do Rosal apoiaremos e defenderemos a Sanidade Pública. Faremos todo o que estea na nosa man para conseguir que a Consellería de Sanidade e o SERGAS cumpran coa súa responsabilidade e garantan o servizo habitual de Atención Primaria do noso Concello.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario