PIRAGÜISMO
Roi Rodríguez Huertas clasifícase para o Mundial de Hungría, onde aspirará a conseguir unha praza para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020
O padeeiro tomiñés foi quinto na final do K-1 1.000 metros nos Xogos Europeos que se disputan en Minsk (Bielorrusia)
Roi Rodríguez Huertas
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Roi Rodríguez Huertas, do Kaiak Tudense Axuda Paramos, logrou clasificarse para o Campionato do Mundo de piragüismo que se disputará no mes de agosto en Hungría e onde aspirará a conseguir unha praza para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
O padeeiro tomiñés foi quinto na final do K-1 1.000 metros nos Xogos Europeos que se disputan en Minsk (Bielorrusia). Unha posición que lle permite alcanzar o primeiro obxectivo da tempada.
A progresión de Roi Rodríguez foi excelente na proba de K-1 1.000 metros. Dominou a fase previa, nunha regata na que logrou a vitoria e con iso o pase directo á final. E na regata decisiva mostrou a súa regularidade. Mantívose sempre entre o cinco primeiros, posición que ocupou ao final e que confirmou a súa presenza no Campionato do Mundo. Bacint Kopasz, Fernando Pimenta e Álex Jurenia foron os que ocuparon o tres primeiras posicións. Holten Poulsen foi cuarto. Roi estivo a menos dun segundo de lograr ese cuarto posto.
Agora comeza unha nova etapa deportiva para o kayakista. E ese paso decisivo buscarao no Campionato do Mundo que se disputará entre o 21 e o 25 de agosto en Szeged (Hungría). Nese escenario, considerado como a capital do piragüismo mundial, terá o desafío de lograr unha praza para os Xogos Olímpicos de Tokio do próximo ano.
A Roi Rodríguez quédanlle oito semanas de preparación intensa. Estar en Tokio marcouse como un desafío moi importante. Lograr a clasificación un ano antes de disputarse os Xogos Olímpicos suporía planificar esa cita con moita antelación, o que tamén é unha vantaxe. Roi Rodríguez xa coñece a pista de Szeged. O ano pasado foi terceiro na Copa do Mundo na mesma distancia.
Ao longo da actual tempada, Roi Rodríguez seguiu un exhaustivo plan de traballo deseñado por Esteban Alonso. No mesmo incluíronse sesións de adestramento no río Miño, pero tamén en Portugal e mesmo unha concentración en altura en México.
Dende o Concello de Tomiño fan chegar a este gran deportista tomiñés os máis sinceros parabéns, desexándolle a mellor das sortes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario