25 de xuño de 2019

MADRID

A Delegación da Xunta en Madrid acolleu a mesa redonda, “Meigas  save  the  talent” organizada polo Instituto  Galego  do Talento para tratar os novos modelos de liderado e o futuro do traballo.  

“GALICIA, TALENTO PARA EXPORTAR” 

Na mesa (de esq. a der.) Elías Casado de NOVA, o diputado Diego Gago, o coordinador de Actos Ramón Jiménez, Ana Simoneta de  AIESEC e Emilio Froján de IGATA 
Fotos: Casa de Galicia


Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu onte a tarde a celebración da mesa redonda que baixo o título “Meigas  save  the  talent” (Meigas, salvade o talento) organizou o Instituto  Galego  do Talento para falar dos novos modelos de liderado e o futuro do traballo. O Instituto  Galego  do Talento (IGATA) é unha nova maneira de exercer a galeguidade na era da internet e está formado por mozos e mozas profesionais que desempeñan altos cargos en política, empresas, Ongs, universidades, investigación e emprendedores de éxito...  IGATA está en sete países, con especial presenza en Estados Unidos, Reino Unido e Australia.  

 Na mesa redonda “Meigas  save  the  talent” interviñeron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia Ramón Jiménez -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega-; Ana  Simoneta, (cedeirense en Madrid), 25 anos,  expresidenta en  AIESEC, (a maior organización de novos líderes do mundo con presenza en 134 países e máis de cen mil membros). Actualmente é Coordinadora de Proxectos na Organización de Estados Iberoamericanos. Elías Casado, (coruñés en Madrid), 26 anos. Director de Talento en  NOVA (a maior plataforma de talento top de Europa), nove veces Campión de España de Esgrima. Presentador e moderador, Emilio  Froján (caldense en Madrid), 27 anos.  Vehicle  Operations  Manager en VOI (a maior plataforma de  micromovilidade de Europa). Cofundador do Instituto  Galego  do Talento. Tamén se incorporou ao coloquio como participante o deputado galego (pola provincia de Pontevedra) máis novo no Congreso dos Deputados, Diego Gago Bugarín.  

 Nas súas palabras, Jiménez explicou que  IGATA é a maior comunidade de talentos galegos por medio mundo, formada por mozos e mozas que son altos cargos en política, empresas, Ongs e emprendedores de éxito, e que xa está presente en sete países, especialmente en Estados Unidos, Reino Unido e Australia. Os mozos galegos fóra de Galicia poden estar máis unidos e comunicados pois ademais da internet contan con esta plataforma que lles permite estar en contacto e compartir experiencias sen importar a distancia. 


Preto de medio centenar de persoas déronse cita na Delegación da Xunta para coñecer os novos modelos de liderado e traballos

 “Unha comunidade colaborativa que se caracteriza pola innovación e o traballo a lume lento”, di  Froján, pois a forman “líderes emerxentes que impulsan e difunden a Marca Galicia mediante a xestión e promoción do talento en calquera parte do mundo”.  

 Diego Gago fixo fincapé en “a gran rede de talento galego repartida polo mundo e o  sentirmos galegos esteamos onde esteamos, orgullosos da nosa terra, a nosa xente e as ganas de mellorar a nosa contorna”. O deputado vigués subliñou as claves desta comunidade de galegos polo mundo que son “a paixón e o compromiso dos seus membros por construír un mundo mellor, que reflicte algúns dos valores máis representativos da nosa xeración”.  

 Ana  Simoneta Rubido ofreceu a relatorio ‘Visión sobre Talento Dixital’ e destacou que “os mozos non queren traballar en empresas como Google ou Tesla porque teñan comida gratis ou mesas de ping pong nas súas oficinas senón porque teñen un propósito claro de transformación masiva das persoas”.  

 Pola súa banda Elías Casado comentou que é imprescindible crear nodos de talento e de novos líderes do futuro para mellorar a sociedade e cambiar o mundo”, e engadiu que “en  Nova cremos que cando conectas os perfís con maior talento coas empresas máis innovadoras xorden proxectos e ideas con impacto, na empresa e na sociedade. Moitas veces hai xente moi cracks que se perden polo camiño por sentirse sós, e por iso é tan importante que este tipo de empresas e organizacións cheguen a eles, para ofrecerlles unha vía de desenvolvemento e de networking eficiente. Á fin e ao cabo, trátase de ofrecerlles as ferramentas e as pontes necesarias para cambiar o mundo”.  

 Para o emprendedor Emilio  Froján, organizador do acto e creador do Instituto Galego do Talento (IGATA) xunto a uns amigos ao ver que moitos talentos universitarios de Galicia tíñanse que ir desenvolver a súa carreira profesional ao estranxeiro pero desexaban achegar unha parte á terra que lles ensinou todo, fixo fincapé en “a necesidade de facilitar experiencias de transformación dixital, as Cidades Intelixentes, a educación 4.0 e a formación en competencias dixitais, especialmente na Formación Profesional”.  Froján reflectiu ademais a vontade latente por parte do Instituto Galego  do Talento de “fomentar as habilidades dixitais e o acceso á tecnoloxía a toda a poboación galega”. Y concluiu señalando que eles están facendo o mesmo que xa fixeran as xeracións anteriores de emigrantes galegos cando creaban as súas redes, “ahora as relacións veñen da man da técnica que as fan máis fáciles, pero realmente, estamos seguindo os seus pasos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario