11 de xuño de 2019

GOIÁN

CINEMA   

Este xoves, 13 de xuño ás 21:30 horas, no Auditorio de Goián, con entrada de balde         

O CINECLUB POLEIRO PROXECTA O DOCUMENTAL "FRÁXIL EQUILIBRIO", NARRADO POR JOSÉ MÚJICA      

É unha película universal que a través de tres historias en tres continentes mostra que as clases sociais dividen pero a humanidade nos une
 


Rita Alonso Pérez / Goián

  FRÁXIL EQUILIBRIO, dirixido polo galego Guillermo García López, levou o Premio Goya ao mellor documental en 2017.     

 O pase será no Auditorio de Goián o xoves, 13 de xuño, ás 21:30 horas, con entrada de balde.      

 Unha película potente que fala de que é vivir, que significa traballar, de implicarse en descubrir que son os dereitos humanos, que hai máis alá das fronteiras dos países desenvolvidos, da existencia da pobreza extrema….     

 A proxección é unha colaboración do Cineclub Poleiro coa Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Goián, dous días antes da celebración da Festa das Trincadeiras. Con ela queremos destacar a unidade dos veciños de Goián, que hai 29 anos conseguiron preservar un monte comunal de gran valor ecolóxico, expropiado polo MOPU para extraer áridos para a autovía Vigo-O Porriño. Un xesto que demostrou como unha Comunidade de Montes pode ser garante, no seu territorio, da defensa dese "fráxil equilibrio".    

 Sinopse da película:  A través de tres historias e as palabras tecidas polo ex-presidente uruguaio, José Mújica, vémonos reflectidos nos migrantes africanos, traballadores españoles, empregados xaponeses… e ao final dámonos de conta de que as clases sociais dividen pero a humanidade nos une. O que nos fai diferentes non é tanto como o que nos fai iguais. Calquera que sexa a clase ou a cor, esforzámonos polas mesmas cousas.             

 O Cineclub Poleiro conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Tomiño e da Federación de Cineclubes de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario