18 de xuño de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A Deputación de Pontevedra saca a licitación as obras de mellora do acceso á praia do Muíño, en Camposancos, por case 200.000 €  

A actuación enmárcanse dentro do proxecto Visit Rio Minho, cofinanciado ao 75% polos fondos FEDER


Vista parcial da Praia do Forte - coñecida internacionalmente como Praia do Muíño), en Camposancos (A Guarda)
Foto: D.PO.

Infogauda / Camposancos

  A Deputación de Pontevedra vén de sacar a licitación as obras de mellora e recuperación do acceso á praia do Muíño da Guarda, por un orzamento total que ascende ás 192.190,64 €.  A actuación forma parte do proxecto de cooperación europea ‘Visit Río Miño', de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, do que a institución provincial é socia. O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 2 de xullo, ás 10:00 horas.    

 En concreto, as obras consistirán na conexión de  dous sendeiros que desembocan no areal, un marítimo e outro fluvial, consolidando un novo treito do ‘Anel Verde do Rio Miño Transfronteirizo', unha rede de sendeiros de máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galiza e Portugal. A praia do Muíño (Camposancos) é o areal máis extenso do Baixo Miño, e conta con Bandeira Azul dende hai anos, polo que é un dos máis apreciados. A obra está cofinanciada ao 75%  polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do Interreg V-A España – Portugal.  

 As actuacións previstas teñen unha dobre finalidade, por unha banda a recuperación da contorna, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro lado, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía. Na actualidade o acceso á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto de mellora e recuperación do acceso ao areal inclúe a construción dunha rotonda cunha zona de carga e descarga, a creación dunha parada de bus, a ampliación das entradas ao areal e a rexeneración da praia mediante o retranqueo do muro de contención existente.  

Visit Rio Minho  

 Visit Rio Minho, confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.  

 Son socios de Visit Rio Minho a Deputación de Pontevedra (socio principal), a AECT Rio Minho, o Centro Tecnolóxico do Mar - CETMAR, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho - CIM Alto Minho, o Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia Norte de Portugal (FCEER), a Universidade de Vigo e os concellos de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura e Valença.

Ningún comentario:

Publicar un comentario