18 de xuño de 2019

SALCEDA DE CASELAS

RODRÍGUEZ DAVILA: “AGORA EN SALCEDA TEMOS TRES ALCALDES, DOUS MULLERES MAL AVENIDAS E A MARCOS BESADA QUE GOBERNARÁ NA SOMBRA SEN MANCHARSE AS MANS”  

O portavoz popular lamenta que os salcedenses teñan que “tragar” con esta “vergoñosa” situación e acusa a portavoz socialista e “segunda alcaldesa” de “vender aos seus votantes”  

Santiago Rodríguez Davila reta a Verónica Tourón a explicar e contar “a realidade” de quen negociou este mal pacto e por qué “Loli e ela chegaron ao pleno de investidura quince minutos tarde”  

Santiago Rodríguez Davila - terceiro pola esq.- cos demais concelleiros do Partido Popular no Concello de Salceda de Caselas

Infogauda / Salceda de Caselas 

 O PP de Salceda de Caselas, a través do seu portavoz no Concello Santiago Rodríguez Davila, advirte a todos os veciños de que do pleno do pasado sábado 15 de xuño saíron tres alcaldes, dúas mulleres “mal avenidas” que se “enfrontaron duramente durante catro anos” e Marcos Besada, “que moverá os fíos na sombra sen necesidade de mancharse as mans nin ser diana das críticas”. Así, afirma que “a retirada de Besada non foi un paso atrás senón unha estratexia para enganar e para seguir as ordes do PSdeG provincial, con Verónica Tourón e o seu xefe como inductores e impositores, que é quen orquestou esta tricefalia ilóxica e vergoñosa para o noso pobo”.   

 Neste sentido, Davila asegura que Verónica Tourón “ninguneou á asemblea dos socialistas salcedenses e ignorou a súa decisión de votarse a se mesmos e non a MS” para “acatar ordes do seu superior” e, de camiño, “poder conseguir unha remuneración no Concello” a pesar de “perder as eleccións” e “ser o partido menos votado polos salcedenses”. “Moito tivo que tragar e, peor aínda, o que lle queda que aguantar. Ela é consciente diso e así o demostraba a súa cara, os seus xestos e as súas incoherentes xustificacións no pleno do sábado, só uns minutos despois de pechar un acordo no que nin ela mesma cre”, augura o portavoz popular que reta a Tourón a explicarlle a todos o veciños “porqué ela e a Sra. Dolores Castiñeira chegaron á sesión de investidura 15 minutos tarde e xuntas”. “Toda unha falta de respecto, un desprezo e unha tomadura de pelo xa antes mesmo de empezar”, afirma.       

“Matrimonio de conveniencia”  

 Santiago Rodríguez  Davila está convencido de que este “matrimonio de conveniencia” será unha auténtica “ruína” para as arcas públicas porque “ningún  Concello, por moi grande que sexa, pode permitirse pagar a dous alcaldes, a outros tantos asesores, ao persoal de confianza e aos amigos dos “tres alcaldes””. “Se o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) por un millón de euros xa nos parecía moito, o próximo prognosticamos que nos fará tremer, oxalá non sexa así”, advirte desta política de “malgasto” pode supoñer “unha maior demora dos pagos no  Concello de Salceda”.  

 “A pena é que esta  tricefalia imos tela que pagar todos os veciños cos nosos impostos”, augura  Davila quen asegura que dende a oposición, a pesar de gañar as eleccións e de contar co apoio da maioría dos veciños, “imos poñer a lupa sobre a xestión do alcalde e alcaldesas para evitar que o  Concello siga sendo o casarío de  Movemento Salceda e, agora tamén, do PSdeG”.   

Coherencia, dignidade e honra      

 Durante os últimos doce anos, o PP de Salceda traballou na oposición “defendendo os intereses de todos os veciños” e así o seguirá facendo durante o próximos catro anos con Rodríguez Davila como portavoz. “Creo que sempre actuamos con coherencia, dignidade e honra, tanto cando perdemos as eleccións en 2015 como tamén agora que as gañamos e en 2011 cando tamén por poucos votos quedamos ás portas da maioría, aínda que non respecten a decisión do pobo. Creo que se un político non se identifica con esas tres palabras, a súa xestión deixará de ter valor e deixará moito que desexar, irémolo vendo a partir de agora, comeza o lamentable espectáculo de loita de poder entre elas/os”, conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario