18 de xuño de 2019

A GUARDA

A Policía Autonómica incauta 41 quilos de percebe na Guarda nunha operación en colaboración con vixilantes da confraría  

O produto incautado repartirase entre centros benéficos e comedores sociais

Infogauda / A Guarda
 
 Axentes da Policía Autonómica da sede de Vigo veñen de incautar 41,3 quilos de percebe, tras unha operación levada en cabo en colaboración con vixilantes da Confraría do porto da Guarda.  

 Os axentes desprazáronse onte, 17 de xuño, ata a zona do porto da Guarda despois de que tivesen coñecemento da existencia de varios furtivos realizando marisqueo ilegal, aproveitando a noite e a baixamar.  

 Os furtivos, ao detectar a presenza dos axentes, fuxiron do lugar, unha zona de difícil acceso e agreste por culpa das rochas. Durante as batidas para localizalos, os axentes atoparon o alixo con 41,3 quilos de percebe, que estaban agochados nunha zona con moita vexetación.  

 O produto está agora mesmo depositado nunha cámara da Confraría para a súa custodia. Será repartido en dous centros benéficos ou comedores sociais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario