24 de xuño de 2019

A GUARDA

PASARELA DE MANTÓNS DE MANILA ANTIGOS                

“O GALEÓN DE MANILA” 

Venres día 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa dos Alonso (Praza do Reló)


Infogauda / A Guarda

 O próximo venres día 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa dos Alonso de A Guarda, a Asociación Etnográfica Sete Espadelas realizará unha pasarela sobre o uso dos panos de Manila no traxe tradicional. 

 Na mesma amosaranse máis de 20 mantóns antigos chineses do século XIX e comezos do XX de diferentes épocas: mantóns imperio de 1820, isabelinos de mediados do XIX ou mantóns renacentistas do 1900. 

 Moitos deles son auténticas xoias conservadas no tempo, panos chegados a Galicia desde a China, vía Manila, no chamado “galeón de Manila”.  

 Poderanse admirar panos dos chamados “á de mosca”, “panos de mil chineses”, “panos de peonías”, “panos de 4 rosas”, “panos con caras de marfil”,…

•    A ASOCIACIÓN:      

 A Asociación Etnográfica Sete Espadelas xurde en Pontevedra como resposta ás inquedanzas dun grupo de persoas sobre a indumentaria tradicional.       

 Os obxectivos da mesma son o estudo, recuperación e reprodución de prendas esquecidas ou distorsionadas do noso traxe tradicional.       

 Para isto recuperan os patróns antigos, o xeito da confección e os tecidos. Sempre baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas ós nosos maiores.       

 A Asociación leva feitas ducias de pasarelas, mostras, obradoiros… por toda a nosa xeografía e ten no seu haber  máis de 20 premios no Día de Enxalzamento do traxe galego de Santiago e 10 primeiros Premios de Investigación do Traxe Galego “Antón Fraguas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario