13 de xuño de 2019

A GUARDA

Charla sobre hábitos saudables 

Este sábado día 15 de xuño, de 11:00 a 13:30 horas, no Mercado da Guarda 

Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira en funcions de Comercio, e Antonio Lomba Baz, alcalde en funcions, na presentación da campaña de dinamización comercial «Clic ao Mercado» 
Foto: C.A.G

 Infogauda / A Guarda

 Baixo o título «Familia, que comemos hoxe?», o sábado día 15 de xuño de 11:00 a 13:30 horas, o Mercado da Guarda acollerá unha charla dirixida principalmente ás familias con nenos e nenas na etapa chamada de primeira infancia, coa intención de poñer en valor os beneficios do produto fresco e de proximidade que ofrece a praza de abastos á hora de elaborar menús saudables e nutritivos.  

 Nesta charla, impartida por Sandra Baz e que terá unha duración aproximada de hora e media, os participantes aprenderán os beneficios dos diferentes alimentos grazas á pirámide nutricional, facendo despois un percorrido polos diferentes postos do Mercado para, xunto cos praceiros, coñecer de primeira man os beneficios e valores nutricionais de cada tipo de alimentos, froitas e hortalizas, peixes e carnes.  

 Esta charla pretende ser moi dinámica e participativa e terá lugar no propio mercado. O punto de encontro será no segundo andar.  

 Esta actividade enmárcase na campaña de dinamización comercial «Clic ao Mercado» para  atraer ao sector máis xove da cidadanía para que merque no Mercado da Guarda, e na que se inclúe tamén o sorteo de 5 bolsas de compra por importe de 70€, que axudará a que este segmento da poboación sinta interese e se achegue ata este espazo comercial, tan importante para a vila.  

Continúa o Concurso Clic ao mercado 
 Ata o 28 de xuño, en colaboración cos comerciantes do Mercado de Abastos Municipal da Guarda, lanzouse un concurso a través da páxina de Facebook do «Mercado de A Guarda» para o sorteo de 5 bolsas de 70€ de compra nos establecementos do mercado.  

 Esta campaña de promoción pretende achegar a xuventude e mocidade guardesa ao Mercado de Abastos Municipal, incentivando as compras neste sector da poboación e promovendo hábitos de alimentación saudable.  

 A campaña “Clic ao Mercado” está destinada á mocidade con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos, que poderán entrar no devandito sorteo de cinco bolsas por valor de 70 euros para mercar en, como mínimo, tres establecementos das distintas seccións do mercado (carnes, peixes, froitas e hortalizas).  

 Para poder participar, as persoas interesadas terán que darlle a me gusta, compartir e comentar na imaxe da campaña a través da páxina de Facebook oficial do Mercado da Guarda en Facebook etiquetando a dous amigos/as entre o 27 de maio e o 27 de xuño. 

 Os resultados do sorteo farase público o 28 de xuño e as bolsas poderán utilizarse ata o 28 de xullo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario