9 de maio de 2019

VILANOVA DOS INFANTES (OURENSE)

A romaría etnográfica "Raigame" dedica a súa 18ª edición ás feiras e ao gando 

· O evento, que se celebra o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes, foi presentado hoxe no burgo medieval desta vila celanovesa coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e o director da revista Raigame Xulio Fernández Senra.      

· Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, recoñece este ano co premio "Adolfo Enríquez" á Coral de Ruada polos seus cen anos de historia.  


O evento, "o parque temático por excelencia da etnografía galega", como o definiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi presentado hoxe no burgo medieval de Vilanova dos Infantes 
Foto: D. OU. 

Infogauda / Ourense

 A XVIII romaría etnográfica "Raigame" dedica esta edición ás feiras ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando, e contará como novidade coa representación dunha feira de gando e coa mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban. O evento, "o parque temático por excelencia da etnografía galega", como o definiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi presentado hoxe no burgo medieval de Vilanova dos Infantes, que acollerá como e tradicional o vindeiro 17 de maio a celebración desta festa popular –declarada de Interese Turístico de Galicia- que cada ano reúne a miles de persoas.  

 No acto de presentación, o presidente do goberno provincial estivo acompañado polo alcalde de Celanova, José Luis Ferro; e polo director da revista Raigame Xulio Fernández Senra, quen destacaron que nesta edición a Coral de Ruada será galardoada co premio "Adolfo Enríquez", polos seus cen anos de historia.  

 Manuel Baltar salientou que a Deputación de Ourense "potencia e innova" con este evento que reúne historia, cultura e etnografía, "e que nesta edición céntrase nas feiras de gando, que supuxeron un importante dinamismo social e para as economías familiares", destacando que o programa deste ano inclúe ás razas autóctonas de Galicia.  

 O presidente da Deputación desexou que novamente "sexan miles as persoas que se acheguen a Vilanova o 17 de maio para que esta festa etnográfica siga a ser un referente da nosa cultura", agradecendo ao Concello de Celanova e ao seu alcalde, José Luis Ferro, a Antonio Piñeiro, a Xulio Fernández Senra e a todas as persoas que fan posible Raigame "a súa implicación neste evento cultural con maiúsculas".  

 Xulio Fernández Senra explicou que se conseguiu que Raigame "vaia máis aló que o mesmo día de celebración", ao facerse realidade a exposición itinerante de fotografía e fotógrafos de Ourense, que percorrerá durante dous anos diferentes localidades da provincia, e José Luis Ferro agradeceu sinaladamente o apoio e participación dos veciños de Vilanova "para que un ano máis Raigame sexa o escaparate deste proxecto global de dinamización etnográfica".  

 O Simposio Raigame estará centrado nesta ocasión no traballo realizado polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con sede no Pazo de Fontefiz, e o seu traballo na recuperación de razas gandeiras en perigo de extinción. Tamén participará un representante de Boaga, federación que aglutina ás asociacións de produtores de razas en perigo de extinción, e un membro da asociación AGATRAN-Á Molida (Asociación galega tracción animal) falará da importancia da recuperación de vellos e esquecidos sistemas de traballo con animais nas actividades agroforestais.  

 As rúas de Vilanova encheranse un ano máis de artesáns de oficios tradicionais e cultura popular, o que, xunto ao teatro, exposicións e actividades programadas volverán situar un ano máis a Vilanova como punto de encontro da etnografía galega.  

 No acto de hoxe tamén se presentou o número 42 da revista Raigame, un monográfico sobre fotografía e fotógrafos de Ourense, estudos fotográficos, retratos e retratistas da Limia, os comezos da fotografía en Ourense, e as coleccións fotográficas do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario