O mercado de Tomiño, seleccionado para asistir á 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos, que terá lugar en Londres no mes de xuño
Tomiño presentará o modelo do mercado municipal coma exemplo dun investimento que mellorou a vida social, económica e cultural do municipio
O Mercado Municipal de Tomiño vén de ser seleccionado polos organizadores da 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
O Mercado Municipal de Tomiño vén de ser seleccionado polos organizadores da 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos, que terá lugar os dias 6, 7 e 8 de xuño en Londres.
Para esta conferencia, á que se espera asistan máis de 400 representantes de mercados de todo o mundo, foron seleccionados 20 exemplos como poñentes, entre os que se atopa Tomiño.
A conferencia é un punto de encontro anual dos axentes que traballan en mercados públicos, e que pon o acento no papel que teñen estes como cohesionadores sociais, conectando as economías locais e as comunidades. Tomiño foi seleccionado, precisamente, por ter sido un proxecto que foi confeccionado por un equipo multidisciplinar e coa participación dos propios veciños/as, no que ademais do mercado, se transformou a contorna, conseguindo que as persoas dispuxeran dun lugar de encontro e convivencia, o que modificou radicalmente a vida da vila.
A organización do evento corre a cargo de Project for Public Spaces (PPS), organización con sede en New York, que cada ano programa unha axenda que, ademais de conferencias, inclúe talleres, seminarios e visitas aos mercados da cidade onde se celebra a actividade. O encontro, ao que so asisten profesionais, celébrase sempre en grandes cidades como San Francisco, París ou Barcelona.
Fundada en 1975 en New York, Project for Public Spaces hoxe en día é un referente internacional na xestión de espazos públicos, integrando unha gran diversidade de campos de estudo, coma o deseño, a arquitectura, a planificación urbana, o paisaxismo, o medio ambiente ou a sostibilidade. Ao longo de máis de trinta anos de actividade, ten actuado en máis de 2.000 comunidades de 26 países.
A intervención da alcaldesa de Tomiño está marcada para o día 7 de xuño ás 16:00h, co fin de que relaten a experiencia e falen do papel do novo espazo coma elemento transformador da vida da vila.
Na mesma mesa intervirá o Dr. Calvin Lee Kwan, director xeral de Corporate Development & Strategy Link Asset, de Hong Kong, e Oscar Martin, do Institut Municipal de Mercats, de Barcelona.
O alcalde de Londres, Sadiq Khan, será o encargado do discurso inaugural o día 6 as 9.00h na Catedral de Southwark.
Ningún comentario:
Publicar un comentario