20 de maio de 2019

TOMIÑO

VIOLETA DE SANTIAGO SINALA O POLÍGONO E A BIBLIOTECA COMO AS PRINCIPAIS NECESIDADES DE TOMIÑO 

• A candidata socialista contou co respaldo da presidenta da Deputación, Carmela Silva: “Pídovos que apostedes polo violeta” 



Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra participou na presentación da candidatura dos Socialistas de Tomiño que encabeza Violeta De Santiago

Infogauda / Tomiño

 Os Socialistas de Tomiño reuníronse o pasado sábado no Hotel Nueva Colina da vila tomiñea, para apoiar á candidata á alcaldía, Violeta De Santiago, que se mostrou segura de que o próximo 26 de maio “esta vila terá unha alcaldesa socialista”. 

 Acompañada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, que asegurou que é necesario cambiar para avanzar”, a candidata á alcaldía debullou ás que serán algunhas das principais accións que levará a cabo desde á alcaldía.  

 “Temos que impulsar a creación dun polígono industrial”, afirmou, recalcando a importancia destes espazos “para ofertar chan industrial, xerar riqueza e fixar poboación”. Para ilo Violeta de Santiago conta co respaldo de David Regades, delegado do Goberno na Zona Franca de Vigo e secretario xeral provincial do partido. 

 Violeta De Santiago Moure, candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Tomiño

 A candidata á alcaldía tamén fixo especial fincapé na necesidade de redactar un novo PXOM para a vila “para medrar ordenadamente”, e anunciou a construción dunha biblioteca pública. “É incrible que logo de 12 anos de goberno dunha forza que se di progresista, Tomiño careza deste servizo”, denunciou.  

 Este espazo - engadiu Violeta De Santiago - veríase reforzado coa posta en marcha dun plan cultural itinerante que achegue actividades ás diferentes parroquias da vila, descentralizándoa do núcleo e facilitando así o acceso das e dos veciños á cultura

 Pola súa banda, a  presidenta da Deputación quixo mostrar o seu apoio a de Santiago, pedíndolle á veciñanza de Tomiño “que aposte polo violeta”. “Nas últimas eleccións xerais fomos primeira forza en Pontevedra e en Galicia. Agora precisamos que todos os concellos da provincia teñan alcaldesas e alcaldes socialistas para poder, así, desenvolver desde todas as administracións un proxecto de progreso, de dereitos, de garantía de servicios”, sinalou Silva.  

 Xerar emprego e atraer investimentos, así como apostar pola economía e pola política social, son os piares de goberno das e dos socialistas, explicou a presidenta da Deputación. “Somos garantía de bo goberno, así o temos demostrado na Deputación, onde dimos un xiro de 180 grados a unha administración cacique e clientelar”, defendeu.  

 “Temos construído unha administración que modernizou a provincia e ten garantido dereitos, equipamentos, infraestruturas, dotacións, servicios e dereitos en todos os concellos”, afirmou Silva, que puxo como exemplo a mellora da accesibilidade da Alameda de Goián, melloras  nos saneamentos de varios núcleos, como Vilachán e Sanomedio, ou a construción dunha pista de atletismo na área deportiva de Mosteiro

 “Pídovos cambiar para avanzar”, afirmou a presidenta da Deputación. “Pídovos que apoiedes a Violeta e seguro que acertaredes”, concluiu Carmela Silva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario