A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA COMEZA A ENTREGA DE COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS ENTRE OS ‘CONCELLOS REVITALIZA’
Cambados, Sanxenxo, Soutomaior, Oia e O Rosal serán os primeiros en recibir o material provincial coincidindo coa ‘Semana Internacional do Compost’
A Deputación de Pontevedra comezará esta semana a entrega de composteiros individuais aos ‘concellos Revitaliza
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra comezará esta semana a entrega de composteiros individuais aos ‘concellos Revitaliza’ co fin de fomentar a compostaxe domiciliaria. Coincidindo coa celebración da ‘Semana Internacional do Compost’ -entre o 5 e o 11 de maio-, os primeiros municipios que recollerán o material serán os de Cambados, Sanxenxo, Soutomaior, Oia e O Rosal para despois distribuílos entre a veciñanza que ten casas con horta.
En total serán 20 os concellos da provincia que se poderán beneficiar do reparto dos mil composteiros individuais que a Deputación ten dispoñibles xunto co seu respectivo material complementario (aireadores, guía informativa, etc.). A primeira esixencia que deben cumprir os concellos interesados para conseguir estes composteirosé estar adheridos ao Plan Revitaliza; tamén dispoñer no seu territorio de alomenos un centro de compostaxe comunitaria en funcionamento ou unha mestra composteira interina; non ter concedida a Liña 2 das subvencións Revitaliza; facerse cargo da recollida, transporte, entrega e dar a formación necesaria á veciñanza; e comprometerse a facer o seguimento dos composteiros repartidos con como mínimo dúas visitas aos domicilios que os teñan durante o ano posterior á súa entrega.
Os primeiros expedientes de subvención aprobados para o reparto dos composteiros individuais (COIN) foron para os concellos de Cambados, Oia, O Rosal, Sanxenxo e Soutomaior. Todos estes municipios recibirán o máximo de composteiros posibles nesta fase tendo en conta as súas necesidades teóricas de para cubrir o total da veciñanza. Así, Cambados disporá de 26 COIN, Oia de 20, O Rosal de 22, Sanxenxo de 64 e Soutomaior de 31.
Os restantes composteiros individuais repartiranse de forma progresiva atendendo ás solicitudes dos ‘concellos Revitaliza’ unha vez formalicen a súa solicitude correctamente e completen a entrega de documentación: a memoria co número de persoas interesadas en obter un composteiro e coa estratexia de reparto e formación, xunto coas declaracións responsables de cumprir as obrigas municipais ao respecto.
A entrega de COIN por parte da Deputación supón un complemento á compostaxe comunitaria que se está a desenvolver nos concellos da provincia, co fin de estender o tratamento en proximidade dos residuos orgánicos entre a veciñanza que dispón dun terreo para xestionar na súa propia vivenda os seus biorresiduos. Desta maneira tratarase por compostaxe tanto a fracción orgánica doméstica convencional producida nas vivendas (restos de cociña e comidas) como a de hortas e xardíns evitando a recollida e transporte do residuo.
Hai que lembrar que a Deputación ten xa instalados máis de 116 centros comunitarios que dan servizo a veciñanza que vive en zonas de densidade media e de grandes produtores en 30 municipios. Ademais, están traballando nunha fase máis adiantada da compostaxe (en Liña 2e por tanto non poden optar ao actual reparto de COINS) os concellos de Pontevedra, Vilaboa, O Grove, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, xunto con A Illa, Bueu, Cangas, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Valga e Poio, pendentes de confirmación da súa subvención.
Semana Internacional do Compost

O ICAW iniciouse no Canadá en 1995 e co tempo foise estendendo a outros países. En cada edición refórzase unha mensaxe relacionada coa compostaxe e este ano escolleuse o lema ‘Cool the Climate–Compost’, co que se quere poñer de manifesto que a achega do compost aos chans agrícolas contribúe na redución da pegada do carbono e na mitigación do cambio climático, e por tanto, en que hai unha conexión entre a saúde do chan e o clima.
Para consultar eventos e obter máis información sobre compostaxe todas as persoas interesadas poden consultar a páxina web do Plan Revitaliza. Aí está a disposición, entre outro material, unha axenda de actos e tamén varios vídeos explicativos de veciños e veciñas da provincia que participan activamente no Plan Revitaliza da Deputación e que amosan dende os seus domicilios ou negocios o sinxelo que resulta compostar tanto nun composteiro individual como nun composteiro comunitario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario