9 de maio de 2019

DEPORTES

A Coruña acolle o IX Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental 

• O torneo, que se celebrará mañá, venres 10 de maio, no Club do Mar de San Amaro, está organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e nel participarán dez asociacións de saúde mental toda a comunidade. 

• O obxectivo do encontro é promover a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e fomentar a práctica de ocio normalizado.  



Ana Escrigas Rodríguez / A Coruña

 A federación Saúde Mental FEAFES Galicia celebra, mañá venres 10 de maio, o IX Campionato de Tenis de Mesa protagonizado por persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán dez asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.  

 O torneo terá lugar no Club do Mar de San Amaro de A Coruña ao longo de toda a mañá e nel desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán arredor de 64 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia. 


 As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a dez asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Oroso), APEM (Vimianzo e Cee), Avelaíña (Baiona e A Guarda), DOA (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Morea (O Barco), Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón). 

 O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva destas persoas, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas. 

 As actividades de ocio e deportes que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores. 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en máis de 30 localidades e conta con arredor de 7.000 socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario