15 de maio de 2019

O ROSAL

O ROSAL, CONCELLO GAÑADOR DOS PREMIOS “GALICIA PARABENS” 2019-2020

O proxecto “Acondicionamento do Camiño de Santiago e da explanada do horizonte no lugar de Portecelo”, foi o mellor valorado polo xurado

Fotografías do estado actual e infografías de como quedará o lugar unha vez realizado o proxecto de “Acondicionamento do Camiño de Santiago e da explanada do horizonte no lugar de Portecelo”
Fonte: C.O.R.
Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal acaba de ser proclamado o gañador dos premios Galicia Parabéns convocados pola Axencia de Turismo de Galicia para distinguir as mellores iniciativas de embelecemento e recuperación do noso territorio. 

 O proxecto “Acondicionamento do Camiño de Santiago e da explanada do horizonte no lugar de Portecelo”, redactado pola rosaleira María Fandiño Iglesias, foi o mellor valorado polo xurado, acadando un premio de 400.000€. 


 Con esta actuación, que se iniciará proximamente, preténdese a revalorización e mellora paisaxística do tramo do Camiño de Santiago Portugués pola Costa, a creación dunha zona de descanso en Portecelo e a creación do Miradoiro do Horizonte, con espazos de ocio para os veciños e visitantes. 

 Recupérase a ladeira natural, modificado polo recheo colocado sobre a pedra natural, restablecendo o perfil orixinal desta zona e mellorando a súa calidade paisaxística, incorporando especies forestais autóctonas para enriquecer o seu valor natural. 

 Este proxecto é unha mostra do compromiso do Concello do Rosal de preservar os elementos paisaxísticos e o patrimonio cultural e natural de Portecelo como elementos clave da nosa identidade ademais de ser recursos turísticos de valor incalculable. 

 O equipo de goberno que preside a alcaldesa María del Carmen Alonso Alonso quere mostrar un agradecemento especial a todas as persoas implicadas en que este proxecto se faga realidade, en especial á veciñanza de Portecelo e á Comunidade de Montes Veciñais de Santa Mariña do Rosal. Sen a súa colaboración e interese este proxecto non sería posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario