15 de maio de 2019

A GUARDA

PATRIMONIO

A escavación do cuncheiro do xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega concita á participación de destacados investigadores

O proxecto está dirixido por Brais X. Currás, da Universidade de Coimbra
  
Arqueólogos traballando na zoa onde está ubicado o cuncheiro do xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda promove o Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Santa Trega, dirixido por Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP)

 O proxecto de escavación está sendo executado por arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro contarase con membros do grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León, con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e máis co Grupo de Investigación en Arqueobiología do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), con Marta Moreno.  

 Xunto á porta sur de entrada no castro do Monte Santa Trega consérvanse os restos dun antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo. As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o chan ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira.  

 O que non era máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable.  


Desde á zoa de intervención arqueolóxica divísase unha magnífica panorámica deica o río Miño e Portugal

 A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos.  

 A análise polo miúdo das especies tamén nos di moito sobre as prácticas de consumo. Podemos chegar a comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais nos informa sobre o grado de desenvolvemento gandeiro. Podemos saber cal era a importancia da caza -si é que tiña algunha-, etc.  

 O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.  


En primeiro termo dous cribos pra peneirar os restos extraídos do cuncheiro

 Este proxecto naceu co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Seu desenvolvemento ofrecerá resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas. En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados a investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.  

 A execución do proxecto prevé levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Santa Trega, a realización dunha sondaxe arqueolóxica, un estudo da arqueofauna, o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.  

 Neste proxecto participa un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun presuposto que supera os 15.000,00€.

Ningún comentario:

Publicar un comentario