8 de maio de 2019

A GUARDA

Dúas bandeiras azuis ondearán novamente este verán nos areais guardeses 

Nas praias de Area Grande e O Muíño (Camposancos)

A Senda Litoral, tamén foi recoñecida co distintivo de sendeiro azul

Infogauda / A Guarda

 A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) deron a coñecer esta semana a listaxe de praias españolas recoñecidas con bandeira  azul para esta tempada estival, entre as que se atopan os areais guardeses de Area Grande (marítimo) e O Muíño (fluvial), como xa avanzamos no día de onte, neste xornal dixital transfronteirizo.  

 Ámbalas dúas praias renovan un ano máis o distintivo acadado dende o ano 2009 (Area Grande) e 2010 (O Muíño) e co que saliéntase a súa calidade medioambiental e de servizos.   

 Así, os areais volverán contar este verán cos criterios esixidos polo distintivo de bandeira azul: paneis informativos, actividades de educación ambiental, análise da calidade das augas, servizo de limpeza e recollida de residuos, servizo de salvamento e socorrismo, e instalación de duchas e aseos.   

 Amais do recoñecemento ás praias, A Guarda conta coa Senda Litoral - con preto de 5 km de lonxitude en total -, recoñecida como Sendeiro Azul. O sendeiro, que renova tamén o distintivo dende o ano 2013, comunica as praias do Muíño (Camposancos) e Area Grande pasando polos areais de O Carreiro, A Ribeira e Fedorento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario