16 de maio de 2019

A GUARDA

Unha nova e saborosa edición de Tapearte   

Comeza esta fin de semana na Guarda

 Infogauda / A Guarda

 Este xoves presentouse a ruta gastronómica Tapearte 2019, o evento culinario da primavera como complemento a unha ampla e variada programación cultural como a Festa das Letras e o Día Internacional dos Museos.  
  
O alcalde e a concelleira de Turismo coa maioría dos representantes dos establecementos participantes e o da entidade colaboradora

 No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, así coma unha representación dos establecementos participantes e un representante de Distribuciones Disramo, entidade colaboradora nesta ruta. 

 Un total de 16 bares e restaurantes da vila ofertarán tapas os venres, sábados e domingos en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, a un prezo simbólico de 2€ a tapa.  

 A ruta estará en funcionamento ata o vindeiro 2 de xuño, con premios directos e sorteo de agasallos para os participantes.  

 Ao igual que en anteriores edicións os participantes poderán valorar as tapas cos pasaportes dispoñibles en cada local, con puntuacións de 1 a 6 puntos, que permitirán, ao remate da ruta, establecer o gañador do Concurso da Mellor Tapa 2019. Tamén se premiará ao establecemento que sirva o maior número de tapas.  

 Como nas edicións precedentes os participantes da ruta optarán a varios premios. Haberá un premio directo para aqueles que entreguen o seu pasaporte con mínimo de 13 selos. Neste caso o agasallo é un lote de dúas botellas do Forte de San Lourenzo, de licor café e crema de oruxo. Ademais haberá un sorteo dun móbil Samsung A40 para aqueles pasaporte cun mínimo de 6 sellos que sexan depositados nas furnas de cada local e tamén na Oficina de Turismo.  

 Nesta edición participan o Art Café coa tapa «Xorzart», o Bitadorna coa tapa «Crunch negro con mix mar, vexetais en texturas e xeado», o Camping Santa Tecla coa tapa «Tournedo Rossini», o Celtic coa tapa «Chocos con arroz na súa tinta», a Pizzería Di Marco coa tapa «Carpaccio de polbo á feira», a Tapería El Paseo coa tapa «O Paseo», El Perro Verde coa tapa «Arepa rechea», o Enxebre coa tapa «Pelotiñas enxebre», O Gaviota coa tapa «Bacalao ao pisto de morena», La Botica coa tapa «Sabores afumados», La Casilla coa tapa «Delicia Galega», Marbella coa tapa «Empanada da horta», Novo Funil coa tapa «Cazola de Xabarín», o Xantar coa tapa «Crunk», o Xeito coa tapa «Espetada mariñeira» e Y la Luna? coa tapa «Impórtame un pemento».

Ningún comentario:

Publicar un comentario