17 de maio de 2019

A GUARDA

CULTURA

Un thriller ecoloxista escrito por un neno de 11 anos gaña o certame convocado por Orpagu e Galaxia  

• Rodrigo Buján Fernández, de Tui, gaña o concurso literario "Gómez Alfaro", organizado dende hai catro anos polos palangreiros guardeses en colaboración coa Editorial Galaxia. 

• "O rescate de Xosé" impúxose entre os 41 relatos escritos por escolares da Guarda, O Rosal, Oia, Tui, Tomiño, Salvaterra e Santiago de Compostela.   


Francisco Castro, da Editorial Galaxia, co gañador e finalistas do certame

Mar Bermúdez / A Guarda

 "O rescate de Xosé", un  thriller ecolóxico escrito por Rodrigo Buján Fernández, de 11 anos, foi o gañador nesta edición do concurso de relatos "Xosé Carlos Gómez Alfaro". O certame literario que puxo en marcha fai catro anos a Organización de Palangreiros Guardeses, en colaboración coa Editorial Galaxia, segue cumprindo o seu obxectivo de promocionar a literatura galega e o mundo da pesca, así como de iniciar aos máis pequenos no mundo das letras.  

 Nesta edición foron un total de 41 os relatos presentados por nenas e nenos de entre 10 e 12 anos de A Guarda, Tomiño, O Rosal, Oia, Tui, Salvaterra e Santiago de Compostela. Todos eles demostraron unha gran imaxinación á hora de abordar a temática do certame, -os homes e mulleres do mar-, e non llo puxeron nada fácil aos membros do xurado, formado nesta ocasión  polos escritores Raquel Castro, Manrique Fernández e Diego Giráldez.   

 O texto gañador, "O rescate de Xosé" empeza coa misteriosa desaparición dos bancos de peixe espada, continúa cunha alegación contra o lixo mariño, concretamente a que provoca o plástico, e termina co pobo da Guarda mobilizándose para combater este problema. 

Novidades deste ano 

 Este ano, o certame ampliou o seu nome para incorporar o do poeta e profesor ourensán Xosé Carlos Gómez Alfaro, falecido en 2008, que desde 1978 exerceu a súa actividade docente na Guarda, no colexio dos Padres  Somascos. Varias xeracións de guardeses estudaron con Gómez Alfaro e gardan un recordo indeleble dos seus ensinos, o seu amor pola poesía, o seu coñecemento dos autores galegos e a súa devoción pola Guarda, a súa segunda “matria”, como adoitaba dicir e escribir. 

 Ao acto de entrega de galardóns, que terá lugar o próximo día 1 de xuño, asistirá, ademais de representantes de Orpagu, da Editorial Galaxia e os membros do xurado, a viúva de Xosé Carlos Gómez Alfaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario