20 de abr. de 2019

TOMIÑO

ANA PONTÓN PIDE O VOTO INDECISO PARA O BNG: “É UN VOTO CON PREMIO EXTRA PORQUE DEFENDE GALIZA E FREA Á DEREITA RANCIA E ANTIGALEGA”  

Salienta no mitin en Tomiño que para elixir a papeleta do Bloque “non fai falta ser nacionalista senón querer un futuro mellor para este país”  

Da Silva apela a aproveitar o 28A para conseguir que este país “volva ser protagonista” nun Congreso sen maiorías absolutas  


A portavoz nacional Ana Pontón, no mitin desta tarde na Praza do Seixo en Tomiño

Infogauda / Tomiño

 A portavoz nacional, Ana Pontón, asegurou no mitin de Tomiño que até as enquisas empezan a recoller que o BNG está en remontada empuxado por unha corrente de simpatía que non deixa de medrar. Convencida de que a formación nacionalista “será a sorpresa” destas eleccións, fixo unha apelación ás persoas que están indecisas porque a papeleta do Bloque ten valor extra.  

 “O 28A as galegas temos a oportunidade de ser decisivas cun voto que ten un premio extra, porque co voto ao BNG defendemos Galiza, defendemos dereitos sociais, liberdades públicas e democracia, pero tamén impide que haxa nin un só escano desa dereitona rancia, machista e antigalega a que lle estamos disputando escanos na Coruña en aquí en Pontevedra, a esa dereita que representa VOx e CDs”, argumentou. 


Ana Pontón puxo Tomiño como exemplo da capacidade do Bloque para mellorar a vida da xente

 Para optar polo Bloque, salientou, non fai falta ser nacionalista, “o único que se necesita é levar a Galiza na cabeza e no corazón, querer que este país teña un futuro mellor e acabar cun trato discriminatorio que nos impide saír adiante”. Neste contexto, fixo unha apelación ao voto das persoas indecisas que noutras ocasións non tiveron BNG como primeira opción. 

 “A todas esas persoas que teñan preocupación e non saben aínda a quen votar dígolles que a papeleta do BNG é un voto que ten premio extra porque non só defendemos os intereses de Galiza sen ataduras, senón que tamén vale para frear a extrema dereita antigalega”, recalcou.  

 Poñendo Tomiño como exemplo da capacidade do Bloque para mellorar a vida da xente, Pontón recalcou que os deputados e deputadas do BNG nun Congreso sen maiorías absolutas conseguirán acabar coa discriminación e darlle voz propia ao país, como teñen vascos, cataláns, valencianos ou canarios, “non podemos ser os únicos ausentes”.   

 “Digo desde a humildade pero con orgullo e co aval do traballo feito cando o BNG estaba no Congreso: Somos garantía de que os problemas dos galegos e das galegas van estar en Madrid, garantía de que haberá solucións a eses problemas”, fronte aos elixidas por Galiza pero que nada fixeron.  

 “De que nos valeron 23 escanos ás ordenes de xefes en Madrid? Conseguiron as forzas estatais que as pensións dos nosos maiores deixen de estar á cola do Estado? Conseguiron os 188M€ que nos deben en Dependencia, conseguiron derrogar a LOMCE, as contrarreformas laborais ou a Lei Mordaza, acabar coa estafa da AP9?  A resposta é unha sucesión de non, non, e máis non”, denunciou Pontón.  

 Pero iso vai cambiar o 28 de Abril, -proclamou- “enchendo as urnas de votos ao BNG, de votos a favor de Galiza a favor do noso futuro e dos nosos fillos e das nosas fillas”.  

Tomiño tamén contaba en Madrid 

 A candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que replicará en Madrid o bo facer do BNG en Tomiño, hoxe concello referente na comarca. “O voto ao BNG fixo mellorar a vida da veciñanza neste municipio e no Congreso imos dar voz a Galiza e defender este país fronte ás  forzas que nos ignoran e á dereita rancia da que somos a antítese”, salientou.  

 Da Silva fixo fincapé en que cando houbo deputados nacionalistas en Madrid conseguíronse investimentos para o Baixo Miño, o que contrasta co esquecemento no que sumiron á comarca PP e PSOE con En Marea-Podemos. A modo de exemplo, lembrou que foi Francisco Jorquera como deputado quen conseguiu o orzamento das obras de rehabilitación da Fortaleza de Goián.  

 Pola contra, indicou que cando o BNG deixou de ter representación perdéronse partidas incluso xa consignadas, como aconteceu coa do proxecto da Biblioteca, unha iniciativa que tiña aplicación orzamentaria aprobada e que foi “chimpada” por Raxoi cando o Bloque deixou de condicionar as políticas do Estado ao non ter escanos en Madrid.  

 “Cando o BNG tiñamos deputados e deputadas no Congreso, en Madrid sabían que Galiza existe e tiñan que ternos en conta. Condicionabamos as políticas e os orzamentos do Estado”, subliñou, para pedir a todas as persoas que lle queren ao país, “votantes do BNG ou non”, a facer que “Galiza volva ser protagonista”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario