21 de abr. de 2019

PONTE CALDELAS

Alfonso Rueda afirma que a candidatura que lidera Antón Xil é a axeitada para dar a Ponte Caldelas o impulso que necesita  

• O presidente provincial lembra que os concellos xóganse moito o vindeiro 28 de abril e que o PP é unha marca recoñecida e recoñecible, con experiencia, e a única alternativa a Pedro Sánchez  

• Ana Pastor sitúa o emprego e a creación de oportunidades no centro do programa dos populares. 

• O candidato á alcaldía dá a coñecer os nomes das 22 persoas que o acompañarán na súa lista de cara ás eleccións municipais do 26 de maio.   



O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, con Ana Pastor, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, Manuel Cores Touris, o candidato á Alcaldía, Antón Xil, e outros militantes populares, no mitin de hoxe en Ponte Caldelas

Infogauda / Ponte Caldelas

 O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que a candidatura liderada por Antón Xil é a axeitada para darlle a Ponte Caldelas o impulso que necesita. “Un proxecto ilusionante e integrador, pensado para gobernar o Concello tras as eleccións do 26 de maio”, dixo.   

 Durante a súa participación nun mitin no que tamén tomaron a palabra a número un da lista do PP ao Congreso, Ana Pastor, e o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, ademáis do candidato á Alcaldía, Rueda definiu a Antón Xil como unha persoa “cernana aos veciños, que coñece moi ben Ponte Caldelas, que sabe facer as cousas e que vai poñer en marcha os proxectos de futuro necesarios”.  

 O presidente provincial engadiu que Ponte Caldelas, como o resto dos concellos,  xógase moito o vindeiro mes de maio, pero tamén nas eleccións  xerais do 28 de abril. “O que pase o domingo nas urnas vai ter moita incidencia no día a día de cada localidade”, asegurou, chamando a unir o voto en torno ao PP e a Pablo Casado como única alternativa a Pedro Sánchez. Así, lembrou que o Partido Popular é unha marca “recoñecida e recoñecible”, que ten experiencia de goberno e que conta con propostas concretas. “Ningún partido que non sexa o PP pode ofrecer o programa do PP”, incidiu, polo que amosou a súa confianza en obter un gran resultado nas urnas.   

 Rueda destacou que as listas do PP para o Congreso e o Senado son a mellor garantía para a defensa dos intereses da provincia de Pontevedra en Madrid, subliñando a presencia de Ana Pastor como cabeza de cartel na Cámara Baixa. “Unha persoa respetada por todos, un valor seguro para Pontevedra e a mellor candidata que podíamos ter”.  

 Pola súa banda, a número un da lista ao Congreso  situou ao emprego e a creación de oportunidades como un dos eixos centrais no programa dos populares, “un partido que ten folla de servizos e no que se pode confiar”, dixo, engadindo que afronta os comicios do vindeiro domingo “coa mesma ilusión e gañas de traballar que o primeiro día”.   

 Finalmente, o candidato á Alcaldía, Antón Xil, centrou o seu discurso na súa vontade de construir un concello que aposte polo emprego e polo turismo termal “como motor do seu crecemento comercial” apostando por unha Ponte Caldelas “en positivo”.   

 A continuación, Xil presentou aos 22 nomes  que o van acompañar na lista coa que vai concorrer aos comicios locais do 26 de maio. Un cartel no que aparece como número dous Milagros Domínguez, seguida de Lino Mariño (3); Juan Antonio Rocha (4); Paula Lourido (5); Fátima Pereira (6); Antonio Varela (7); Manuel Mariño (8); María Padín (9); María Lusquiños (11); Diego Diz (12); María Teresa Pérez (13); Abel Castellano (14); Francisco Regueira (15); Jesús Rosón (16); Susana Pazos (17); Inés Sánchez (18); Ricardo Manuel Castro (19); César Adán (20); Sara Tombo (21); Ana Belén Vidal (22) y Marcelino Montero (23).

Ningún comentario:

Publicar un comentario