10 de abr. de 2019

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Fonte da Virxe abre o seu obradoiro de cerámica para construír unha peza colaborativa polos seus 25 anos 

Durante os meses de abril e maio, calquera persoa poderá participar na elaboración dun banco de cerámica que adornará, a partir de xuño, o lugar do xardín de Conxo do que tomou o nome a asociación 



Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 Este ano, a asociación compostelá Fonte da Virxe cumpre 25 anos de atención ás persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares. Para celebralo, está a preparar unha serie de actividades que inclúen obradoiros artísticos colaborativos e unha gran romaría. 

 Na devandita romaría, que se celebrará o 29 de xuño, inaugurarase un banco de cerámica elaborado para a ocasión que se colocará no entorno da Fonte da Virxe, unha área natural acondicionada e aberta ao público recentemente no barrio de Conxo. Este espazo, do que tomou o seu nome a asociación, formaba parte dos xardíns do Hospital Psiquiátrico. Era unha zona de paseo e distensión para as persoas internas e  foi tamén onde se comezaron a reunir os familiares a mediados dos anos oitenta do século pasado para organizarse e apoiar unha atención sociocomunitaria alternativa á existente. 

 25 anos despois, a asociación Fonte da Virxe ten as súas instalacións principais no barrio de San Pedro. É alí onde abrirá as súas portas durante os meses de abril e maio para convidar a toda a cidadanía a elaborar pezas de cerámica que compoñerán o banco conmemorativo do aniversario.  

 Esta iniciativa xurdiu da man de Jose Blanco e Marta Zaera, responsables dos talleres de cerámica e coiro de Fonte da Virxe. Para dar forma ao banco, contaron coa axuda de Carlos Selas, que se encargou de facer o deseño gráfico.  

 O banco pretende evocar as arcadas que durante moitos anos caracterizaron o recuncho orixinal de Fonte da Virxe. Será un gran semicírculo de tres metros de diámetro e no seu perímetro exterior levantarase unha estrutura de albanelería, a cal irá recuberta polas pezas de cerámica de gres realizadas artesanalmente nos obradoiros participativos. 

 Estes talleres de participación aberta realizaranse todos os martes e venres de abril e maio en horario de 10:15 a 12:45 e de 16:00 a 18:30. Non obstante, se alguén está interesado en participar noutros horarios, poderá contactar coa asociación chamado ao 981 884 239. 

 Ademais de todas as persoas que participen nos talleres abertos, Fonte da Virxe conta co apoio especial da asociación Itínera, que axudará a facer a estrutura do banco, e do Departamento de Terapia Ocupacional do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que participará na elaboración das lousas cerámicas da cobertura. 

 Para máis información sobre as actividades do 25 aniversario de Fonte da Virxe, pódese visitar a web.  

 Fonte da Virxe foi creada en xullo de 1994 coa finalidade de promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental, a súa integración social, a mellora da asistencia e a súa calidade de vida, así como a defensa dos seus intereses e dereitos. A asociación pretende, por un lado, cubrir o baleiro existente na protección cara este colectivo na área de Santiago, e por outro, tentar cambiar actitudes erróneas informando sobre a realidade desta enfermidade. 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que representa os dereitos e necesidades do movemento asociativo de saúde mental. O seu obxectivo principal é a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario