10 de abr. de 2019

OURENSE

A impactante e dramática exposición de Ali Ali, "Eclipse Siria", no centro cultural "Marcos Valcárcel"

A obra, que mostra os horrores da guerra, será inaugurada hoxe ás 20.00 horas


A presentación da mostra tivo lugar hoxe, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a comisaria da exposición, Olga Pastor; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista 
Foto: D.OU.

Infogauda / Ourense

 O pintor Ali Ali (Al Hassake, 1974) mostra os horrores da guerra nunha impactante e dramática exposición, "Eclipse Siria", no centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. A presentación da mostra tivo lugar hoxe, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a comisaria da exposición, Olga Pastor; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista.  

 Esta exposición, con valor divulgativo e de concienciación, chega ao centro cultural para amosar aos ourensáns "a devastadora realidade dos países en guerra", dixo Rosendo Fernández, quen desexou que a mostra serva "para concienciar e para lembrar que a guerra nunca resolve nada e apaga vidas". Pola súa parte, o director do centro cultural explicou que a arte, ademais do compoñente estético, tamén ten outros elementos "como a denuncia social e o compromiso, e mostra disto é "Eclipse Siria" porque denuncia unha situación concreta dun país que está a vivir o desastre da guerra".  

 "Eclipse Siria" amosa, cunha estética escura e abrupta, os desastres e as inxustizas que aínda están a perpetrar en Siria e en moitos países en guerra. "Eclipse Siria", que se expuxo por primeira vez no Palexco da Coruña no ano 2017, ten carácter itinerante porque o seu obxectivo é "concienciar ao maior número de persoas posible de que esta guerra non rematou e que destrúe lugares e persoas", explicou Olga Pastor.  

 Ali Ali é un artista sirio afincado na Coruña desde o ano 2003 a quen a guerra, ademais de impedirlle volver a Siria desde o 2011, levouno a un rotundo cambio de temática e de paleta de cores no seu estilo. Este cambio de estilo tamén se aprecia en "Eclipse Siria", que recolle obras súas de antes da guerra centradas en lendas e en historias da tradición oral árabe como é caso do libro de artista máis grande do mundo, "Suleiman y Salúa", unha rareza editorial que Ali realizou en colaboración co escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval, explicou a comisaria da mostra. Trátase dun libro realizado con anterioridade á guerra e que mostra o contraste de color e temáticas do artista ao longo do tempo.  

 Ademais, os que visiten esta exposición terán a oportunidade de ver, entre outras moitas, a emotiva obra "Mi madre", un collage con pintura e fotografía onde a nai do artista se presenta en primeiro plano cun fondo que non da tregua: unha cidade destruída polas bombas e o caos. O "Carrusel", díptico monumental comunicado por un icona infantil onde se representa a cultura destruída por tanques tridimensionais; "Francotirador", a obra que mestura elementos de estética naif coa realidade máis cruel; e o vídeo da instalación "Sepulcro", onde lembra a tódalas persoas que perderon a vida nos conflitos bélicos de toda a historia. Tamén nesta exposición hai un espazo dedicado aos gravados, "obras costumistas e que falan da ditadura que aínda terminou peor, nunha guerra civil", dixo Olga Pastor, quen explicou que a distribución das obras no centro cultural pretende mostrar, sobre todo, a dor humana.  

 Por último, o artista agradeceu á Deputación de Ourense que acollera a súa "obra comprometida feita con lágrimas, tristeza e recibindo malas novas" que ten como obxectivo "ser unha denuncia clara sobre o que está a pasar en Siria, e sensibilizar á xente, porque o meu desexo é que isto pare e quede aí". A mostra será inaugurada hoxe ás 20.00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario