11 de abr. de 2019

O BAIXO MIÑO

EMPREGO

A XUNTA DE GALICIA FOMENTA O EMPREGO NO RURAL COA CONTRATACIÓN DE 3 PERSOAS DESEMPREGADAS NOS CONCELLOS DA COMARCA DO BAIXO MIÑO  

· A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria deste programa para 2019 na que inviste 7M€, un 13% máis que o ano pasado, e a través da que os Concellos Emprendedores reciben o dobre de contratos, acadando o 60% do orzamento das axudas concedidas 

· Na provincia de Pontevedra beneficiáronse 41 concellos, 13 deles emprendedores, con case 940.786 euros que permitirán a contratación de 70 traballadores     


José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra


Infogauda / O Baixo Miño 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou hoxe que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver a convocatoria do programa Aprol Rural para este ano 2019, da que se beneficiarán 3 persoas desempregadas de 3 municipios da comarca do Baixo Miño.  

 Na provincia de Pontevedra beneficiáronse 41 concellos, 13 deles emprendedores, con   940.786 euros que permitirán a contratación de 70 traballadores. A nivel galego, beneficiáronse 268 concellos rurais, un total de 7 millóns de euros, o que impulsará o emprego de 531 galegos sen traballo. O orzamento, con respecto a 2018, crece nun 13% e os Concellos Emprendedores, que tiveron prioridade á hora de acceder a estes apoios, logran o dobre de contratos que os municipios que non contan con este distintivo autonómico que busca favorecer a actividade industrial na Comunidade, chegando a repartirse o 60% do total do investimento.   

 Na comarca do Baixo Miño, beneficiaranse os concellos de Tomiño, Oia e A Guarda, cada un cun beneficiado. En total, esta comarca recibirá arredor de 41.300 euros.  

 A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará o 100% dos contratos que realicen as entidades locais do rural galego, que terán que estar vinculados á realización de tarefas relacionadas coa xestión do monte e a prevención de incendios nas faixas secundarias. Así, os desempregados poderán contratarse para o desenvolvemento de actividades de silvicultura, limpeza de montes, a xestión da biomasa, a valorización forestal ou a planificación preventiva. O obxectivo é proporcionar ás persoas sen traballo que habitan nos concellos rurais de Galicia -aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquial- unha experiencia práctica e profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo.   

 A Administración autonómica mellorou este ano esta iniciativa eliminando os límites de contratación por concello e incentivando con máis contratos ás localidades fusionadas e ás adheridas ao protocolo de Concellos Emprendedores. Así mesmo, tiveron prioridade os municipios con maior superficie forestal. Aumentouse, ademais, a contía media por traballador, que este ano se sitúa nos 13.176 euros, preto dun 20% máis que o exercicio anterior, atendendo deste xeito tamén a subida establecida para o salario mínimo interprofesional.   

 Aprol Rural forma parte dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da ocupabilidade das persoas sen un posto laboral. Os traballadores e traballadoras que se contraten terán que estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a duración dos contratos será de 9 meses e a tempo completo.   

 O programa forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno autonómico está a impulsar en Galicia o emprego estable e de calidade. De feito, no último ano a Comunidade galega conta con 14.262 parados menos, o que supón un descenso do -7,70%, unha cifra que sitúa á Comunidade en niveis de paro moi inferiores aos de hai 10 anos. O desemprego caeu nos colectivos prioritarios para a Xunta e que son os principais beneficiarios do Aprol Rural, como os menores de 30 anos e as mulleres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario