3 de abr. de 2019

MADRID

EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA “MEXILLÓN DE GALICIA” DE  XURXO LOBATO NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID DURANTE O MES DE ABRIL

Preto dun centenar de persoas acudiron a mostra que está organizada polo Consello Regulador para promocionar o singular produto


Inauguración da mostra con Francisco Alcalde, Ramón Jiménez, Xurxo Lobato e Ignacio Gandarias
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 "MEXILLÓN DE GALICIA” é o título da exposición de fotografía de  Xurxo Lobato, inaugurada onte á tarde e organizada polo  Consello regulador  do  Mexillón de Galicia co obxectivo de dar a coñecer, en imaxes, este singular molusco cuxa produción en Galicia lidera todos os mercados e que poderá verse na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia durante o mes de abril. A mostra, compóñena preto de medio centenar de fotografías e un audiovisual, ambos realizados polo prestixioso fotógrafo; así como a maqueta dunha batea e un exemplar do premiado libro no que aparecen todas as imaxes. Todo iso forma parte do proxecto da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para dar a coñecer o selo Mexillón de Galicia, que representa garantía de calidade e orixe para o consumidor e que xa visitaron en Galicia preto de cen mil persoas pois puido verse xa no Museo do  Pobo Galego (Santiago); Museo  do Mar (Vigo); e o Acuario Finisterrae (A Coruña). Agora  chega á Casa de Galicia en Madrid, onde estará ata o día 30, coa vocación de seguir un amplo intinerario pola xeografía nacional/internacional para difundir e promocionar este produto tan versátil en torno ao que centos de homes e mulleres foron capaces de crear unha actividade xeradora de riqueza e prosperidade. 


Na Sala B o presidente do Consello Regulador Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, explica como está montada unha batea

 No acto intervinieron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega-; o presidente do Consello Regulador da  DOP  Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde García; o director xeral de Ordenación Pesquera, e Acuicultura do ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Ignacio Gandarias; e o autor das fotografías,  Xurxo Lobato. 


 O autor, Xurxo Lobato, con dúas das súas obras

 Jiménez destacou do artista coruñés, Xurxo Lobato, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de artes visuais, que é autor de innumerables imaxes publicadas en medios como  El País, El Mundo, La Vanguardia, El Periódico de CataluñaVogueDer Spiegel,  National  Geographic, a axencia  Getty… e La  Voz de Galicia, onde traballou durante case un cuarto de século. Entre as distincións de Lobato destaca o premio Ortega e  Gasset por unha imaxe sobre o Prestige. O coordinador sinalou que a exposición foi posible grazas ao Consello Regulador da Denominación de  Orixe  Protexida  MEXILLÓN DE GALICIA, “órgano integrado polos principais actores do sector, é dicir produtores,  cocedeiros, depuradoras e conserveiras” e subliñou que a existencia desta exposición débese, en primeiro lugar, ao libro que co mesmo título encargou o  Consello no seu momento a  Xurxo Lobato, a quen “considerou o mellor para ilustrar a beleza, a laboriosidade e os anhelos das persoas que día a día poñen en marcha unha industria tan importante”, e que inclúe desde “fotografías aéreas espectaculares ata imaxes subacuáticas impresionantes e descoñecidas polo público en xeral dos sucesivos aspectos que presenta unha batea, que é a enxeñosa estrutura deseñada especificamente para criar in situ os mexillóns e colleitalos en laboriosos procesos antes pasar a outros traballos necesarios antes de que acaben no prato ou na lata”. Ademais, “e isto é especialmente relevante,  a publicación recibiu o primeiro premio “gourmand” en España e o segundo a nivel mundial “Best  in  the  World  Gourmand”, que é aínda máis importante”. 

 Un exemplar do laureado libro, atópase exposto nunha urna de  metacrilato na Sala “B”. Para Gandarias, tras las felicitaciones por la iniciativa, apostou pola unión e colaboración de esforzos para chegar máis lonxe.  Tras as felicitacións pola iniciativa, Gandarias apostou pola unión de esforzos para chegar máis lonxe. 

 Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador da Denominación de  Orixe  Protexida  Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, explicou que a exposición está estruturada a modo de itinerario, pois comeza coa recollida da semente do mexillón nas rocas, prosegue nas bateas, onde o mexillón medra ata a súa retirada, continúa nas plantas depuradoras e transformadoras e finaliza no mercado, onde se comercializa en diversos formatos. Un periplo que describe, como a través dun traballo que en moitas ocasións pasa de pais a fillos, configúrase unha forma de ser, unha identidade, a de quen forma parte de  Mexillón de Galicia. 

 Para  Xurxo Lobato esta mostra “é unha homenaxe aos homes e mulleres que cada día loitan para sacar adiante este produto”. Case medio centenar de “imaxes/homenaxe” que forman parte do libro  Mexillón de Galicia, do que o autor se sente especialmente orgulloso. “Que fose elixido como o segundo mellor libro do mundo de fotografía internacional do  Gourmand  Cookbook  Award, é como para estalo”. Nas súas palabras, tamén quixo agradecer a especial colaboración recibida por parte dos grandes cociñeiros galegos, como, Pepe  Solla,  Yayo Daporta,  Flavio  Morganti,  Culler de  Pau... “As imaxes reflicten  todo. O territorio, as paisaxes, o mar, os mexillóns, as bateas, as fábricas... e ata o esforzo dos  bateeiros”.  

 A mostra “MEXILLÓN DE GALICIA” poderá visitarse nas Salas A e  B da Casa de Galicia  ata o 30 de abril en horario, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Domingos e festivos: de 10:00 a 14:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario