3 de abr. de 2019

A GUARDA

DEPORTES

Presentada a Baixo Miño Enduro Experience  


Na presentación estiveron presentes o alcalde de A Guarda; o concelleiro de Deportes, e representantes do Clube Ciclista Insitu, organizadores desta proba deportiva
Foto:C.A.G.

Infogauda / A Guarda
 
 O executivo municipal do Concello de A Guarda fixo público no día de hoxe que a Casa dos Alonso acolleu o pasado xoves día 28 de marzo a presentación da primeira proba de Enduro da zona, a “Baixo Miño Enduro Experience”, un evento deportivo no que se combina a habilidade técnica do DH (Descenso) e a resistencia física do XC (Rally), que terá lugar este domingo día 7 de abril.  

 No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; o concelleiro de Deportes, Manuel Javier Crespo González e representantes do Clube Ciclista Insitu, organizadores desta proba deportiva.  

 Durante o percorrido desta proba os participantes terán que superar desniveis considerables (ata 1200 m. de desnivel acumulado), alternando tramos de enlace con tramos cronometrados entre as localidades da Guarda e do Rosal, cun percorrido total duns 28km.  

 A “Baixo Miño Enduro Experience” é unha proba puntuable no Open de Galicia de Enduro e ten a particularidade de ter 5 tramos cronometrados cun percorrido que se realiza nun entorno idílico para a práctica da disciplina de Enduro, cunhas paisaxes espectaculares co río Miño, a costa e o porto da Guarda, os castros do Monte Santa Trega, O Rosal e os seus viñedos e a desembocadura do Miño.  

 Os participantes sairán ás 8:30 horas dende a Alameda de A Guarda para dirixirse ata o Monte Terroso, onde realizarán os primeiros catro tramos cronometrados, dende alí desprazaranse ata o Monte Santa Trega, onde realizará o tramo cronometrado final, rematando este na rúa de Circunvalación ao Monte Santa Trega e dirixíndose despois á Alameda da vila, onde terá lugar a entrega de premios.  

 Agárdase unha participación que podería roldar os 200 participantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario