13 de mar. de 2019

TUI

A Deputación de Pontevedra aprobará este xoves tres achegas para o Concello de Tui por preto de 300.000 euros  

Os investimentos están destinados a financiar a construción dunha base para Protección Civil, a renovación de alumeado público no casco histórico e melloras no pavillón municipal

Infogauda / Tui

  O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación este xoves pola Xunta de Goberno de tres investimentos por un valor de 294.028,67 euros para Tui con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 111.832,82 euros para a construción dunha base para Protección Civil, 93.877,85 euros para a renovación do alumeado público en diversas rúas da zona monumental da vila, e outros 88.318 euros destinados a financiar a mellora do pavimento deportivo e a instalación dunha cortina separadora no pavillón municipal.  

 Máis polo miúdo, vaise a executar a construción de planta baixa e entreplanta no interior dunha edificación existente con tipoloxía de nave industrial para destinala aos servizos de base de protección civil. Así, as obras implican a demolición da estrutura e peches, a execución do sistema estrutural e forxado de formigón, a mellora da cuberta afectada, a instalación de tabiques, pavimentos de baldosa, carpintería exterior, calefacción, iluminación, ventilación, fontanería e saneamento.  

 Por outra banda tamén se vai a realizar a renovación de alumeado público en diversas rúas do casco histórico, que consiste na substitución das luminarias actuais por outras novas de tecnoloxía LED, amais en certos puntos de luz tamén se substituirá o brazo de soporte. O obxectivo desta actuación é mellorar os niveis de iluminación, así como diminuír a emisión de gases de efecto invernadoiro e a contaminación luminosa, o que mellorará tamén a seguridade viaria e a calidade de vida das veciñas e veciños.  

 Por último, no pavillón municipal a actuación comprende a mellora e reparación da tarima flotante, o marcaxe específico da pista de xogo, a instalación dunha cortina separadora e o trasdosado de parede no corredor dos vestiarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario