13 de mar. de 2019

A CAÑIZA

ADXUDICADAS A TABOADA E RAMOS AS OBRAS DE REFORMADA ESTRADA PROVINCIAL EP-5005 ENTRE A CAÑIZA E POUSA   

· O deputado Uxío Benítez explica que os traballos de rehabilitación do firme deberán estar finalizados a primeiros do outono  


 Infogauda / A Cañiza

 A Deputación de Pontevedra vén de aprobarde maneira oficial a adxudicación das obras de rehabilitación do firmede máis de 12 quilómetros da estrada provincial EP-5005 Cañiza-Pousa, dentro do termo municipal de A Cañiza, á empresa ‘Construcciones Taboada y Ramos S.L.’. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, finalmente o investimento será de preto de 426.000 euros, logo de escoller a mellor oferta técnica e económica de entre as 10 aspirantes, sendo unha excluída por presentar baixa temeraria. 

 O deputado responsable do departamento provincial de Mobilidade apunta que as obras poderán comezar no mes de maio unha vez se asine formalmente o contrato (para o que hai de prazo un mes) e a empresa adxudicataria presente a acta de replantexamento dos traballos (con outro mes de prazo). Unha vez estean solucionados todos os trámites administrativos a duración dos traballos deberá ser de catro meses dende o seu inicio, polo que a estrada terá que estar reformada a primeiros do outono.  

 O obxectivo deste proxecto, que abrangue 12,3 quilómetros de vía (dende o  1+100, onde está a glorieta ao sur da autovía, ata o 13+400), é mellorar a seguranza viaria e peonil. As obras mellorarán a plataforma da vía coa pavimentación da traza existente e comezarán levantando o firme en mal estado para despois aplicar diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a estabilidade da nova plataforma. Tamén se mellorará a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías co fin de eliminar balsas de auga na calzada os días de chuvia. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros). 

 Esta actuación da Deputación fora consensuada co Concello de A Cañiza, que pedira tamén unha mellora na contorna do campo de fútbol que linda coa estrada, pero en terreos fóra do dominio público da institución provincial. Finalmente, o departamento de Mobilidade asumirá tamén o saneamento, asfaltado e pintado das marxes da vía provincial (o proxecto está en redacción) para que despois o Concello instale elementos de mobiliario urbano coa intención de dotar a este espazo público dunha maior calidade para o uso da cidadanía.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario