Inauguración da mostra "Rarezas", de Antonio Quesada, no centro cultural "Marcos Valcárcel"
Manuel Baltar destacou que esta exposición "exhibe a obra dun dos máis grandes creadores da historia de Ourense"
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto inaugural "o carácter creativo innato de Antonio Quesada a da súa familia"
Foto: D. PO.
Infogauda / Ourense
O centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense inaugurou onte venres día 1 de marzo, a exposición "Rarezas", do pintor Antonio Quesada, unha mostra que presenta pezas, moitas delas únicas, traballadas con técnicas coas que experimentou o artista, obras persoais que atesoura o seu círculo máis íntimo e outras que transitaron por diferentes vieiros artísticos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto inaugural "o carácter creativo innato de Antonio Quesada a da súa familia", e referiuse a todas as persoas que cederon as obras "para facer realidade este soño creativo e expositivo que supón esta mostra e tamén a que se exhibe na sala de Afundación, na praza Maior de Ourense, que tivemos a fortuna de inaugurar hai poucos días". "É unha obriga para a Deputación de Ourense –dixo Baltar- acoller mostras que, como esta, exhiben a calidade creativa de persoeiros tan senlleiros, tan importantes, tan ourensáns e comprometidos, como Antonio Quesada, un dos máis grandes creadores da historia de Ourense".
Pola súa banda, a comisaria da mostra, Teruca Cendón, salientou que exposición complementa á do mesmo artista que exhibe a sala de arte Afundación en Ourense, titulada "Antonio Quesada. Dende o sentimento", con obras de colecciones particulares e de institucións. "Rarezas" "é unha mostra que amosa a obra experimental de Antonio Quesada, destacado expoñente da ourensanía creativa e universal", dixo Teruca Cendón, subliñando que a exposición percorre "toda a vida creativa do pintor, con obras como unha postal, elaborada de neno, ata un cadro inacabado". "A obra de Antonio Quesada é sinfonía, acorde co feito de que sempre pintaba con música", expresou.
O acto tamén contou coa presenza de Héctor Quesada, fillo do pintor, quen remarcou que esta mostra está integrada por 34 obras "de carácter explorador, tanto técnica como expresivamente. Na súa pintura, máis que unha paleta de cor atopamos unha "maleta de cor", dixo, en referencia á experiencia vital do seu pai.
Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, explicou que esta exposición "está guiada pola xenerosidade por parte de todas as persoas e institucións que interviñeron para facela posible", e felicitou á Deputación de Ourense e ao seu presidente "pola destacada labor de apoia á cultura que vén desenvolvendo".
Antonio Quesada (Ourense, 1932-Vigo, 2015) é un dos paisaxistas máis destacados do panorama plástico español polo suxestivo e inconfundible estilo dos seus cadros. A súa obra caracterízase por un exquisito dominio técnico e unha permanente vocación anovadora, que fai viaxar ao espectador a mundos misteriosos, dando lugar a unha pintura emotiva, sensible e intimista. Antonio Quesada participou activamente no movemento cultural que conmocionou as artes plásticas galegas na segunda metade do século XX baixo a tutela de intelectuais como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Eduardo Blanco Amor. Ademais, a súa amizade cos poetas zamoranos Claudio Rodríguez e Hilario Tundidor influíu decisivamente na particular concepción lírica da súa pintura. A súa obra atópase representada en numerosos museos e coleccións institucionais de Europa e América.
A mostra "Rarezas" permanecerá aberta ao público no centro cultural "Marcos Valcárcel" ata o vindeiro 31 de marzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario