1 de mar. de 2019

A GUARDA

Co «Desfile dos Coles» deu comezo o Entroido Guardés 2019   

· A programación festiva e gastronómica continúa na fin de semana e remata o Martes de Entroido


  
Infogauda / A Guarda

 Co «Desfile dos Coles» deste venres día 1 de marzo, no que participaron varios centros educativos da localidade, A Guarda deu a benvida ao Entroido 2019.

 Pouco despois do mediodía, dende a Alameda comezaron a desfilar máis dun milleiro de alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos, cos seus orixinais e coloridos disfraces, nos que destacaron as conmemoracións dos 125 anos dos pintores Joan Miró e Vincent Van Gogh, respectivamente; unha lembranza ao escritor John Ronald Reuel Tolkien, «As carballeiras de cativos» coa súa mensaxe a prol do medio ambiente; o 125 aniversario da fundación do Comité Olímpico Internacional (C.O.I.), os «50 anos na Lúa» e seu impacto tecnolóxico e mediático, «No Sinde encaixamos todos/as», toda unha afirmación inclusiva; ou o saboroso «Cocido galego» con tódolos seus ingredientes, entre outras propostas, nas que a creatividade e o inxenio, deron forma a materiais de uso cotiá, reciclándoos ou reutilizándoos, aportándolles unha nova vida para celebrar dun xeito asequible para todos, o Entroido dos escolares. Un evento que, ademáis do alumnado, contou coa participación directa, non soio neste día, senón desde semanas precedentes coa confección dos disfraces; de nais, pais e profes. 
 


  

 












 





 
 E todo isto, nesta data de climatoloxía primaveral, amenizado pola charanga Cantos Somos, de Tui; coordinado por efectivos da Policía Local, e presenciado desde as beirarrúas da vila por milleiros de persoas de tódalas edades e tamén polo alcalde e membros da Corporación Municipal, que non quixeron perderse ese simpático evento, no que ás máis novos foron os protagonistas indiscutibles.

UNHA PROGRAMACIÓN GASTRONÓMICA, LÚDICA E FESTIVA PARA TODOS

 A programación do Entroido 2019 na vila de A Guarda continúa o día 2 de marzo, a partires das 23:30 horas, na Alameda co «Sábado de Guateque», onde os asistentes poderán gozar da música co concerto de Monk Blues Band e posterior pinchada retro a cargo de DJ Guille. 

 Para a xornada do día 3 de marzo, a partires das 18:00 horas, está programado o «Domingo das Familias», cando a Alameda acollerá unha actuación musical da Orquestra D´Moda. 

 O luns día 4 de marzo, a partires das 18:00 horas, na Alameda as nenas e nenos terán unha actividade moi especial coa Cé Orquestra Pantasma, con obradoiros e festa infantil da man de Matrácala. 

 Xa para rematar a programación do Entroido Guardés 2019, o martes día 5 de marzo ás 17:30 horas, dende a Esquina Famosa e con chegada á Alameda, celebraráse o Desfile-Concurso de Entroido co acompañamento de «Aviadores Tolos e da Charanga «Vaia Panda».  

 Menú de Entroido 

 Ao longo de 4 días, 6 establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de caldo ou empanada, un segundo prato de lacón con grelos e unha sobremesa con filloas ou ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. 

 Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). 

 Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario