AVALIACIÓN DA FOLGA DO 8 DE MARZO DE 2019
Mulleres da plataforma Galegas 8m, que participaron no día de hoxe na rolda de prensa, para presentar á avaliación da folga do 8 de marzo de 2019
Foto: Galegas 8m
Galegas
8m / Vigo
Esta avaliación da folga do 8 de marzo de 2019, foi presentada en rolda de prensa, no día de hoxe, na Casa das mulleres, de Vigo, convocando a todos os medios de comunicación e remitindo posteriormente esta información.
Galegas 8m é unha plataforma que xunta a colectivos e mulleres individuais có fin de, no marco internacional de paro de mulleres convocado para o 8 de marzo, organizar en Galiza esta convocatoria.
Comezou a súa andaina no ano 2018 e, despois de un enorme traballo levado a cabo por cada muller desta colectividade e de varios actos e manifestacións moi acollidos socialmente, o 8 de marzo de 2018 convocou a primeira folga de mulleres no noso pais, unha folga estruturada en catro eixos: consumo, ensino, laboral e coidados. No ano 2018 a acollida que tivo esta convocatoria desbordou calquera expectativa: a sociedade saíu masivamente á rúa e elevou a voz do feminismo con mobilizacións históricas, resultando de grande éxito a convocatoria de folga.
No ano 2019, as mulleres que facemos parte de galegas 8m enfrontábamos unha realidade moi diferente. Por unha banda, socialmente existía un maior acollemento da convocatoria e das nosas reivindicación. Pero, por outra banda, no plano político e económico nada mudou. Pese a que enchemos as rúas e demandamos mudanzas, non se cumpriu ningunha das nosas reivindicacións. Durante o ano que transcorreu entre o 8 de marzo de 2018 e o 8 de marzo de 2019, en moitas ocasións fomos citadas e se lembraron aquelas mobilizacións multitudinarias; pero os poderes públicos fixeron caso omiso de todo o que se berrou nas rúas por miles de persoas.
Este ano, novamente, superamos todas as expectativas posibles. O día 3 de marzo en Lugo, punto de arranque para a convocatoria de folga laboral, de ensino, de coidados e de consumo secundada o día 8 de marzo de 2019, as rúas tremeron: mulleres de toda Galiza chegaron e encheron a cidade cunha multitudinaria manifestación. O día 8 de marzo tremeu o país enteiro: enchéronse prazas, rúas, lugares, aldeas e vilas de mulleres berrando pola erradicación do machismo e por unha vida digna; por todas as mulleres, por todos os dereitos fixemos unha verdadeira Revolta feminista.
Na nosa cidade a policía local estimaba unha participación de 105.000 persoas, máis dun terzo da poboación de Vigo, sendo unha das maiores manifestación que nunca tivo lugar nesta cidade. En proporción, estamos ante a convocatoria máis multitudinaria do estado e, seguramente, unha das primeiras do mundo. Foi unha convocatoria feita polo traballo de colectivos e mulleres; un traballo inxente e manual, día a día, distribuíndo propaganda, dando charlas, facendo pancartas e carteis, organizado a batucada, asembleas, obradoiros... un traballo levado a cabo cuns recursos moi limitados que hai que por en valor e visibilizar. Fomos só nós, as feministas activas e organizadas, as que sacamos a todas estas persoas á rúa, cun discurso e cunhas reivindicacións claras que, este ano, non imos consentir que fiquen no esquecemento. Orgullámonos deste día de loita, pero sabemos que temos que continuar vixiantes para que as nosas reivindicación non fiquen en declaracións de intencións e sexan recollidas e situadas no centro das medidas económicas e políticas.
Este 8 de marzo foi unha mostra da nosa forza e determinación para conquistar un futuro digno de ser vivido, onde todas as nosas voces son necesarias. Porque cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga.
Esiximos un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas. E que estea dotado de recursos económicos, sociais, sanitarios, xudiciais e políticos reais e eficaces. Queremos parar xa de contar asasinadas, violadas, lesionadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas. E queremos parar de contar as calumniadas, as humilladas, invisibilizadas, ridiculizadas, enmudecidas e ignoradas.
Fixemos folga de coidados o 8 de marzo para que o coidado e o traballo doméstico sexa asumido polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concreas, permitan a cada persoa poder optar por asumir este traballo na medida que elixa. Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas, mentres o capital páganos con violencias. Neste punto vémonos na obriga de esixir que os dereitos das traballadoras domésticas e das coidadoras sexan equiparados xa ós dereitos do resto persoas con traballos por conta allea.
Fixemos folga laboral este 8 de marzo para demandar unha reforma laboral con perspectiva de xénero que elimine realmente todo tipo de discriminacións, directas e indirectas, nas relacións laborais, que non trate como un problema a maternidade ou a crianza e que elimine a precarización que sofre o colectivo feminino.
Fixemos folga estudantil este 8 de marzo para esixir un ensino público, galego e de calidade, igualitario e non sexista. No que a diversidade e a igualdade sexan os eixos centrais de todos os curriculums, materiais, actividades e espazos. No que exista unha verdadeira educacións afectivo sexual desde a primeira infancia e adaptada a todas as idades. Queremos que a educación sexa un mecanismo para a erradicación do machismo desde a súa propia raíz.
Fixemos folga de consumo para que os poderes públicos se involucren nunha loita real contra o abandono e a destrución do medio rural e para nos relacionar co medio e co consumo dunha maneira radicalmente diferente. Porque a precariedade das mulleres do rural galego é moito maior. As mulleres no rural son o sustento familiar e o sustento dun medio condenado a morte, cun acceso a recursos moi limitado e esquecidas de calquera discurso e actuación. Porque precisamos da soberanía alimentaria para transformarmos o mundo e porque debemos rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos.
Fixemos folga de mulleres este 8 de marzo desde a nosa diversidade contra a lei de estranxeiría para visibilizar e lexitimar a diversidade identitaria, de xénero, sexual e cultural; pola despatoxización das persoas trans e intersex; contra as múltiples discriminacións das mulleres con diversidade funcional; contra a industria da trata como expresión máis extrema da cruel alianza entre patriarcado, capitalismo e colonialismo e para construír un mundo e unhas vidas xustas.
Despois deste 8 de marzo, esiximos que se nos teña en conta, se escoiten estas reivindicacións e se apliquen con recursos e vontade de cumprimento e de transformación real.
Estamos moi emocionadas pola resposta social. Pero estamos tamén expectantes da resposta política que este 8 de marzo de 2019 vai ter. Sentímonos con forza suficiente para esixir ser tidas en conta con realidades, e non imos permitir que ningunha organización política se apropie do noso traballo e o baleire de contido nin o utilice electoralmente. Fronte á imaxe de día festivo ou de celebración, lembramos que foi un día de folga, de protesta e de loita. É a nosa revolta, a revolta de todas as mulleres, unha revolta forte e imparable que desde xa esixe que comece o camiño da transformación social.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario