18 de mar. de 2019

MADRID

CULTURA

A edición en castelán de SUEÑOS ELÉCTRICOS de Ramón Caride presentouse na Delegación da Xunta en Madrid 

A novela, considerada pola crítica como a iniciadora da ciencia ficción en Galicia, fora gañadora do Blanco Amor no ano 92 
 

Na mesa, co libro en primeiro termo, o autor Ramón Caride, Vicente Araguas, Ramón Jiménez, Jesús Manuel Marcos, Basilio Rodríguez Cañada e o músico Brasi
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 "SUEÑOS ELÉCTRICOS" de Ramón Caride, volve aos escaparates, agora en castelán grazas a Sial Pigmalión. A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación en Madrid da nova edición. A novela, escrita en galego no ano 92, fora gañadora do premio Blanco Amor, cando o biólogo, escritor e profesor Caride tiña só 35 anos. En "Sueños eléctricos" o prolífico autor, con obras en diversos xéneros, plasmou un mundo distópico cuxos habitantes están deseñados por expertos en xenética e a crítica considerouna como a novela fundadora da ciencia ficción galega.  

 No acto interviñeron: o coordinador de Actividades Culturais da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o profesor, escritor e crítico literario, Vicente Araguas; o escritor Xesús Manuel Marcos; e o presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, ademais do autor, Ramón Caride.  


Máis de medio centenar de persoas acudiron á presentación da novela de Ramón Caride

 Jiménez, lembrou que non é a primeira vez que Caride visita a Casa, pois fíxoo fai dez anos dentro do Ciclo Estacións poéticas-biloxías que coordinaba Araguas, pero o máis curioso é que a novela que agora presentamos na edición en castelán, 27 anos despois daqueles Soños eléctricos, con tradución de David Martín Fidalgo e Uxía Caride Blanco, "foron unha premonición do que auguran mundos distópicos de sometemento e control férreo do individuo", moito antes de que se concibisen os teléfonos móbiles e as redes sociais. Así que "o control preconizado por Ramón Caride ten o mérito dun Orwell". Sueños eléctricos é un título "cun aire ás ovellas eléctricas que soñaban quizá os androides de Philip K. Dick, de onde xurdiu a película, xa de culto Blade Runner nos anos oitenta, que tanto nos electrizou a todos, así que sospeito que con esa boa elección o autor sabe ben do que escribe", dixo.  

 Pola súa banda, Rodríguez Cañada, falou da boa relación do grupo Sial Pigmalión cos autores e as letras galegas o que lle levou a materializar unha xa moi significativa cantidade de libros alumados no últimos vinte anos. "Non son poucos os títulos de poesía, ensaios e novelas no noso catálogo saídos de plumas galegas, eu diría que ao redor dunha cuarta parte", aínda que para completar o panorama "faltábanos un xénero con tantos e tan entusiastas lectores como é o de ciencia ficción e cun dos autores galegos contemporáneos máis recoñecidos pola crítica e o público, Ramón Caride Ogando".  


Ramón Caride asina exemplares da sua novela SUEÑOS ELÉCTRICOS

 Xesús Manuel Marcos, escritor nado en O Caurel que destacou na expresión máis escura e profunda do rural a través dos seus relatos e novelas e que se penetrou no xénero fantástico con algúns dos seus títulos máis relevantes, neste acto introduciu aos asistentes nos aspectos máis comúns de toda sociedade distópica para mostrar o universo que creou Ramón Caride na súa novela "un lugar abatido, post-apocalíptico e deshumanizado onde todos tememos que chegue a nosa civilización. O control, o ben común, a mutilación da arte son temas que xa podemos vivir hoxe en día, sen esperar a tempos futuros", concluíu.  

 Para Araguas, "Caride non soamente escribe ben senón que sabe dosificar o que conta, para que entre suaviño, aínda tratándose dunha historia complexa". É unha fábula dun mundo futuro, na liña da que aínda non mostrara Cormac Mc Carthy, en The Road. Explicou que é un mundo que ten que ver cunha "Era Nova", na que nacera o protagonista, un home polivalente que exerce de cantante visionario dun grupo sicodélico que evoca o David Bowie da Space Oddity (aquela marabilla que escarallaron os Irmáns Calatrava, lembrou). O protagonista, é un personaxe cun toque de mesiánico, acompañado dunha especie de María de Magdala, prostituta glamurosa que responde o nome de Lumia (e lumi significa o que significa), e non se limita a cantar senón que contrapón o seu errar ao dun asasino, Xandor- F, controlado por unha inquisición ao uso do "Big Brother" orwelliano, e á súa vez introducido na mente da súa antagonista, nun xogo de bonecas rusas ou caixas chinesas. "Un xogo laberíntico cal a historia narrada por Ramón Caride".  

 Para finalizar, o autor sinalou que Sueños Eléctricos é unha novela que pretendeu ser remota no tempo, pero á que a aceleración histórica dotouna, inexorablemente, dun sentido case profético. "A estrutura urbana vertical reproduce fielmente unha sociedade clasista seica trasnoitada, á que algúns pretenden devolvernos. O eterno retorno do tempo mítico devorando a linealidade do tempo histórico occidental...". Sobre ela escribiu Domingo Tabuyo: "Ata que Sueños Eléctricos non se asomou ás librerías, un tiña a sensación de que o futuro e a fantasía científica quedábannos moi lonxe". Xa non.  

 O acto contou coa interpretación de Brasi, músico, activista cultural, renovador pedagóxico, e membro dos grupos Wishky in the bar e de Lume de Viqueira, quen homenaxeou a David Bowie, como banda sonora evocadora da novela Sueños Eléctricos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario