19 de mar. de 2019

CULTURA

‘Retrato dun médico' de El Greco xa pode visitarse no Museo de Pontevedra  

Cedido polo Museo del Prado, forma parte do proxecto ‘De xira por España', co que celebra o bicentenario da súa fundación
 

De esq. a der.: Xosé Leal, Ángeles Tilve, Carmela Silva e Miguel Falomir diante da obra ‘Retrato dun médico', de El Greco
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 "A cultura e a arte son do pobo, das persoas, e esta idea de que a arte viaxe fóra do Museo democratiza ao Museo do Prado" asegurou onte a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, no acto de apertura da mostra ‘De xira por España' no Museo de Pontevedra. Tanto a presidenta como o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal Fariña, como a conservadora, Ángeles Tilve, coincidiron en agradecerlle ao Museo do Prado, e nomeadamente ao seu director, Miguel Falomir, que o Museo de Pontevedra sexa a sede escollida en Galiza para acoller a efeméride do bicentenario do Prado. Hai que lembrar, que  baixo o epígrafe ‘De xira por España', o Museo estatal está a expoñer obra relevante das súas coleccións en diferentes museos do Estado español, un por cada comunidade autónoma. No caso do Museo de Pontevedra a obra cedida é ‘Retrato dun médico' de El Greco. ‘A colaboración entre institucións é fundamental, e o Museo de Pontevedra séguese consolidando no Estado ao ser escollido para formar parte desta xira" afirmou Xosé Leal na súa intervención de benvida, ao tempo que indicaba que "somos un Museo de referencia non só polos fondos que temos senón tamén polo bo traballo do persoal técnico desta institución". O deputado nacionalista foi o encargado de acompañar ao director do Museo do Prado na súa primeira visita oficial ao Museo de Pontevedra, que realizou a primeira hora da mañá, xusto antes do acto de apertura da mostra. Pola súa banda a presidenta da Deputación fixo especial fincapé no "orgullosísimas que estamos de que esta obra vaia estar aquí ata o 21 de abril" porque, en palabras da presidenta "este Museo se merece formar parte desta xira por España porque é un gran referente". Carmela Silva asegurou que "durante moito tempo dixéronnos que eramos a periferia pero somos o centro dunha historia de séculos e este Museo merece ser considerado o Museo Nacional de Galicia porque alberga obras que falan da nosa historia como galegos e como galegas".  

Relación histórica entre Museos  

 A relación do Museo de Pontevedra co Museo do Prado remóntase á propia fundación da institución pontevedresa en 1927 e, sobre todo, á figura do pontevedrés Sánchez Cantón, que traballaría no Museo do Prado durante 50 anos, primeiro como conservador e despois como director. Así o puxeron de manifesto tanto o actual director do Prado, Miguel Falomir, como a conservadora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve. "Escollemos o Museo de Pontevedra por dous motivos, o primeiro deles como unha homenaxe a Sánchez Cantón, un personaxe absolutamente clave na historia do Prado" afirmou Falomir. Como segundo motivo citou "a excelencia do Museo de Pontevedra tanto en instalacións como en persoal e equipo técnico".  

 Ángeles Tilve, que centrou a súa intervención na fundación do Museo de Pontevedra, lembrou que cando abriu as súas portas oficialmente xa exhibía obras cedidas en depósito polo Museo del Prado, que complementaban os fondos procedentes da Sociedad Arqueolóxica de Pontevedra. A conservadora fixo un repaso polos acontecementos que foron ligando as traxectorias de ambos Museos, ata os tempos actuais nos que o Museo de Pontevedra alberga un total de 76 obras en depósito procedentes do Museo estatal. A este respecto, o propio Miguel Falomir explicou que Galiza é a segunda Comunidade Autónoma en canto a obra en depósito do Prado, despois de Andalucía, e que alberga un total de 336 obras das 1.900 que ten depositadas por todo o Estado, sendo o Museo de Pontevedra "un dos principais beneficiarios".  Tamén explicou que esta iniciativa para celebrar o bicentenario do Prado "ten detrás a idea forza de que o Museo do Prado é o Museo de todos, e que o Prado está en Madrid pero non é un Museo madrileño, que é un Museo de todos".  

 "Retrato dun médico" que poderá verse na Sala de exposicións temporais número 1 do Sexto Edificio é, segundo explicou Miguel Falomir, "unha obra singular, un dos mellores retratos de El Greco", e que forma parte da Colección Real do Museo do Prado. Falomir lembrou que na súa época el Greco non foi un pintor demasiado valorado, agás na súa faceta como retratista. Sobre a obra, indicou que "sabemos que é un médico polo anel que leva nun dedo da man esquerda" e lembrou que pode corresponder a un retrato de Luis Mercado, médico real, ou a Rodrigo de la Fuente, un  dos médicos máis famosos da época en Toledo. Xunto a esta obra asinada por El Greco en Toledo cara a 1582-1585, expóñense tamén dúas destacadas versión de obras do artista que desde a década de 1940 custodia o Museo de Pontevedra e que se expoñían no edificio Castro Monteagudo ata que este foi pechado: "A expulsión dos mercadores do templo" e "San Pedro e San Paulo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario