Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller
A Xunta de Galicia, con motivo do Día
Internacional da Muller que se conmemora o día 8 de marzo, quere
manifestar o seu firme compromiso en seguir traballando para que a
igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva en tódolos ámbitos
da nosa sociedade e na loita pola erradicación de todas as formas de
violencia sobre a muller.
As estatísticas seguen a revelar unha
realidade desigual nas retribucións salariais, na promoción profesional,
no acceso a sectores e ámbitos aínda fortemente masculinizados, así
como tamén na presenza nas esferas de decisión. E a este escenario
contribúe, certamente, a persistencia dos estereotipos de xénero; de aí
que sexa preciso traballar en favor dun cambio cultural e de valores que
modifique as actitudes.
A incorporación das mulleres ao mercado
laboral, a permanencia no emprego e as súas condicións de traballo aínda
están lonxe de producirse en condicións de igualdade.
Un dos
grandes retos para os vindeiros anos é a conciliación da vida persoal,
familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e
familiar. A desigual repartición das responsabilidades familiares e das
tarefas do fogar constitúe un dos principais obstáculos para que a
participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera
laboral se produza de forma plena.
É indubidable que a plena
igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción
equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar. Temos
que apostar por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e
mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e
familiares, no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do
tempo e de horarios máis racionais.
Na actualidade, a conciliación
e a xestión de traballos e de tempos é un problema que debe ser resolto
tanto por homes coma por mulleres e debe ser facilitado e impulsado
polas distintas administracións. Sen conciliación non hai crecemento
sustentable nin social nin económico posible.
Se un dos camiños
que conducen ao emprego de calidade e ao benestar social son as
políticas de conciliación, outro non menos importante é o da formación e
o coñecemento. Precisamente pola inxusta distribución da
responsabilidade da conciliación, moitas mulleres viron e aínda ven
dificultada a súa inserción no mercado laboral e tamén as súas
posibilidades de formación e desenvolvemento.
Neste sentido, a
loita contra a segregación horizontal do mercado de traballo é outro dos
retos que é preciso enfrontar: é necesario impulsar a contratación de
mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, ao igual que a
segregación vertical do mercado laboral, eses atrancos non visibles que
se converten para as mulleres no chamado teito de cristal
e que teñen como consecuencia fundamental a maior presenza feminina nos
postos de menor responsabilidade e a diminución desa presenza a medida
que se ascende na escala xerárquica.
É fundamental seguir apoiando
o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da
sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que
cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a
incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das
mulleres en ámbitos como o da ciencia, a cultura ou o mundo do deporte.
Acadar a Igualdade real e efectiva é unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación. Para iso necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade para alcanzar os acordos que permitan avanzar chanzo a chanzo ata a igualdade.
O
Goberno galego manifesta a súa adhesión aos obxectivos que dende
sempre se teñen perseguido na conmemoración do 8 de marzo e o seu apoio
a todas as persoas que decidan participar nos actos reivindicativos que
terán lugar este día contra todas as formas de discriminación, e en
defensa da igualdade entre homes e mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario