4 de mar. de 2019

IGUALDADE

O Concello de Tomiño celebra o Dia da Muller con obradoiros de igualdade de xénero en todos os centros de educación infantil 

Co lema "Sementes de Igualdade", os talleres desenvolveranse os meses de marzo e abril  

 Infogauda / Tomiño

 Para conmemorar o día da Muller (8 de marzo), a Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño organiza, coa colaboración da Deputación Provincial,  unha serie de obradoiros de Igualdade de Xénero dirixidos ao alumnado de Educación Infantil.  

 Co lema Sementes de Igualdade” os obradoiros desenvolveranse entre os meses de marzo e abril, pasando por todos os centros escolares do municipio.  

 Trátase dunha inmersión participativa e dinámica nos conceptos e prácticas necesarias, de xeito que as/os participantes sexan as propias nenas e nenos, construíndo historias, compartindo experiencias, manipulando coas mans, xogando, etc.  

 O principal obxectivo destes obradoiros é iniciar no desenvolvemento de actitudes de equidade e igualdade nos máis pequenos e a promoción da libre elección de condutas, xogos e produtos, independentemente do xénero.  

 Cada módulo constará de 2 sesións de 50 minutos, impartíndose ao alumnado de 4º,5º e 6º de Infantil de CEIP Barrantes, CEIP Sobrada, CEIP Plurilingüe de Tebra, CEIP Pintor Antonio Fernández e nas aulas do CRA Mestre Manuel Garcés.  

 Nunha primeira sesión traballarase con conta-contos e posterior debate con actividades lúdicas. Na segunda sesión levarase a cabo cunha dinámica de robótica pedagóxica, na que as nenas e os nenos poderán manipular e desprazar o robot, a través de paneis ilustrados con imaxes da temática adaptadas a súa idade.  

 A Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño, continúa en esta programación aplicando o principio de igualdade coma un principio transversal e apostando pola educación.  

 “A comunidade educativa é un dos contextos socializadores por excelencia. Ao seu amparo, alén de adquirir coñecementos, desenvolvémonos como persoas e como parte dun colectivo; os centros educativos son un poderoso escenario no que traballar”, afirmou Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño e responsable de Educación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario